IGUALDADE

Continúan os obradoiros "Recicla o xénero" no IES Antón Fraguas

28/11/2016 O IES Antón Fraguas acolleu esta mañá unha nova sesión do obradoiro organizado polo Departamento de Igualdade e que leva por nome Recicla o xénero. O alumnado destinatario foron dous grupos de 1º de bacharelato que xa participaran no 2015 dun obradoiro semellante.

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, acudiu ao centro educativo esta mañá para participar nun destes obradoiros de igualdade, que queren cambiar a percepción sobre a violencia nun dos colectivos onde máis se están a incrementar os comportamentos machistas, a xente moza.

Leváronse a cabo charlas de sensibilización destinadas a mocidade de entre 15 e 17 anos. Na primeira, que leva por nome "Cambia o conto!", procurouse rachar cos estereotipos que se propoñen nos libros infantís e xuvenís, e reflexionar sobre os roles masculino e feminino ou o mito do amor romántico. Na segunda, titulada "Amores de película?" déuselle unha volta ao estereotipo da supermuller ou a media laranxa e ao sufrimento amosado nas películas á hora de que a muller atope o amor.

Durante estes obradoiros realizouse un traballo de campo sobre a percepción da igualdade de oportunidades e a violencia de xénero entre o alumnado participante. Preténdese continuar co contacto iniciado cos IES no 2015 e identificar a axentes clave no eido educativo que permitan extraer información sobre problemáticas e demandas.

Compartir: