URBANISMO

Os novos polígonos de Costa Vella e Formarís achegarán 440.000 metros cadrados de solo empresarial

15/11/2006 O Pleno municipal, convocado en sesión extraordinaria, aprobou por unanimidade os plans de sectorización dos solos urbanizables non programados números 37.3 (Costa Vella) e 38 (Formarís). Despois do paso pola Comisión de Urbanismo, deuse o visto bo definitivo a dúas superficies que suman 440.000 metros cadrados no ámbito do Polígono do Tambre.

O concelleiro de Urbanismo, Luís Toxo, explicou polo miúdo as características destas dúas superficies. O solo 37.3, na Costa Vella (no ámbito da FINSA e xunto á N-550), disporá de 16,6 hectáreas útiles, que incluirán unha dotación de 1.416 prazas de aparcadoiro. Doutra parte, o solo número 38, en Formarís (entre o Polígono do Tambre e a N-550)), contará con 27,6 hectáreas e 2.163 prazas de aparcadoiro. A urbanización nestas dúas áreas tamén pretende darlle continuidade viaria ao Polígono do Tambre e mesmo se prevé unha rúa de conexión coa ponte de acceso ao mesmo.

Toxo recordou o forte incremento de solo industrial que se vén producindo nos últimos anos. Neste sentido, lembrou as superficies habilitadas na Costa Vella e en Boisaca (600.000 metros cadrados) que se uniron aos 1.500.000 metros cadrados do Polígono do Tambre. Ao respecto deste último ámbito, indicou que nos últimos 12 anos se pasou dunha ocupación dun 30% a unha do 100%.

Máis que ningunha outra cidade galega

A estes solos uniranse en breve o polígono loxístico da Sionlla e os de San Marcos e Lavacolla. Con estas tres áreas, incrementarase a dispoñibilidade de solo en 2.500.000 metros cadrados máis. Deste xeito, apuntou o alcalde Sánchez Bugallo, disporase de 5.000.000 de metros cadrados. "Ningunha cidade de Galicia vai ter tanto solo", sinalou. Nisto mesmo incidiu o voceiro do BNG, Néstor Rego, quen afirmou que estes dous polígonos van permitir "fortalecer solo empresarial para novas actividades nos próximos anos.

O desenvolvemento destes dous solos irá en paralelo e o Concello xa ten contratada a redacción dos proxectos de reparcelación e urbanización. A previsión é que as obras poidan estar licitadas no primeiro semestre de 2007. Non só se vai actuar sobre as dúas áreas en si, senón que tamén se construirá unha rotonda de dous niveis que se pretende conectar co periférico. O investimento para estas obras é duns 17 millóns de euros. A urbanización será compatible coa concesión de licencias, o que facilitará o seu remate nu curto período de tempo.

Compartir: