ACCIÓN CULTURAL

Aberta a primeira convocatoria de residencias de creación artística na Sala Agustín Magán

22/11/2016 A Xunta de Goberno aprobou o pasado venres a convocatoria de residencias de creación ou estadías técnicas para proxectos de artes escénicas na Sala Agustín Magán, no Centro Sociocultural de Santa Marta. As residencias serán de creación e investigación artística e, aínda que poidan contar con apoio loxístico e técnico, non suporán dotación económica algunha. Trátase da primeira convocatoria que se fai deste tipo para este espazo.

A convocatoria está destinada a compañías e creadores de artes escénicas profesionais con sede en Galicia, e as residencias desenvolveranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo de 2017, cunha duración máxima de tres semanas (de luns a sábado). O horario regular de dispoñibilidade do espazo será de 10:00 a 20:00 horas. A descrición técnica da sala, imaxes, cameríns dimensións e rider técnico que proporciona o Concello indícase no anexo I da convocatoria para que o poidan consultar todos os interesados.

As compañías e creadores/as que desexen participar poden presentar o modelo de solicitude que se adxunta na convocatoria ata o 7 de decembro no Rexistro Xeral do Concello e con copia ao correo proxectoscultura@santiagodecompostela.gal. Ademais da solicitude cumprimentada debe achegarse un breve dossier coa descrición do proxecto, eixes do traballo, traxectoria da compañía ou creador/a, profesionais participantes, entidades colaboradores e axentes dos que recibe apoio, de ser o caso.

A selección realizarase antes do 16 de decembro por unha comisión integrada por dous técnicos da área de Acción Cultural do Concello, un representante de Escena Galega e un representante da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Á hora de facer a adxudicación terase en conta a traxectoria do solicitante, o plan de estrea e circulación, o interese artístico do proxecto e a súa adecuación ás características da Sala Agustín Magán, así como a proposta de mediación.

Isto último, a mediación, responde á política activa de fomento de novos públicos para as artes escénicas que está a desenvolver o Concello de Santiago e que implica o desenvolvemento de actividades didácticas e de mediación. Por iso se lles pide ás compañías beneficiarias da convocatoria o desenvolvemento dunha actividade de mediación coa comunidade local (unha charla, obradoiro ou calquera outra proposta que poña en relación o proxecto coa veciñanza) e/ou a presentación da obra nun pase con público.

Direcciones relacionadas



Compartir: