IGUALDADE

O alcalde visita algúns dos establecementos adheridos á campaña "En negro contra a violencia"

22/11/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado pola concelleira de Igualdade, Marta Lois, e por outros membros da Corporación, fixo un percorrido por algúns dos locais adheridos á campaña En negro contra a violencia, na que participan arredor de 530 establecementos e entidades.

A visita comezou polo Mercado de Abastos, onde praceiros e praceiras se involucraron coa campaña vestindo as camisetas e os delantais da iniciativa. Na visita pola praza, a Corporación estivo acompañada pola súa xerente, Marta Rey. Posteriormente o alcalde e o resto de concelleiros e concelleiras deron un paseo polo casco histórico, observaron os escaparates dos diferentes locais e fixeron unha pausa no Bar La Flor, cuxo establecemento utiliza os materiais da campaña como decoración do local, sumado aos manteis e as camisetas e delantais que usan os seus empregados e empregadas.

Os membros da Corporación fixeron unha última parada no Bar Bicoca, que tamén utiliza todos os materiais da campaña. Nas declaracións aos medios de comunicación, o alcalde lembrou que "tivo unha primeira edición o ano pasado e que nesta ocasión está a ter unha gran repercusión en todo o país". Martiño Noriega quixo "agradecer a implicación de todos os grupos da Corporación e tamén da cidade, cunha rede social que é a que pode mudar o estado das cousas".

A campaña desenvolverase ata o 28 de novembro en 17 concellos de toda Galicia. Ademais de tinguir de negro os escaparates dos establecementos participantes, realizaranse varias accións. "O festival Cineuropa -sinalou Marta Lois- ademais de organizar o día 25 de novembro unha sesión específica de películas que abordan esta problemática, entre o 18 e o 28 de novembro proxectará ao comezo de todos os filmes a imaxe "Contra a violencia". Tamén este ano por primeira vez participará na campaña a Real Filharmonía de Galicia, que incorporará a imaxe da campaña no concerto do día 24 no Auditorio de Galicia".

Ademais, os IES da cidade están convidados a participar, implicando o alumnado na elaboración dunha faixas coa imaxe da campaña "Contra a violencia". Nos próximos días terán un kit de material para levar a cabo esta acción. De momento confirmaron a súa participación os institutos Xelmírez I, Pontepedriña e Eduardo Pondal.

Ao igual que o ano pasado, os equipos deportivos tamén se implicarán. Así, os xogadores da S.D. Compostela e do Santiago Futsal lucirán as camisetas da campaña nos partidos que xoguen na fin de semana seguinte ao 25 N e, tanto no campo de San Lázaro como no Multiúsos do Sar, haberá faixas co lema da campaña.

Tamén patrocinan esta campaña Finsa, Tenreira Galega, Asociación Área Empresarial do Tambre, Arteal, Grupo Noya, Recursos Centro de Formación, Toldos Compostela e Caeiro.

Concentración de repulsa
O mesmo día 25 de novembro, ás 11:45 horas, na praza do Obradoiro, lerase un manifesto e realizarase unha concentración de repulsa das violencias machistas, á cal aproveitou a concelleira para convidar a toda a poboación e na que ao Concello lle gustaría que a comunidade educativa, especialmente o estudantado dos IES e universitario, tivese un papel protagonista. Nesta concentración está previsto construír con paraugas negros e brancos - que se repartirán na propia praza- una imaxe que recolla o lema desta campaña "Contra a violencia".

Xa hai máis de 2.000 establecementos e entidades que participan da campaña nos 17 concellos. Poden consultarse estes datos, así como descargar material da campaña, no enderezo electrónico www.ennegrocontraaviolencia.gal.

Direcciones relacionadas



Compartir: