UMAD

Cine e educación como prevención fronte ás drogas

15/11/2006 Unha edición máis botou a andar Cinensino, un programa que ten como obxectivo a intervención preventiva nos centros escolares para evitar patróns de consumo que máis tarde serán difíciles de cambiar. Nesta iniciativa, organizada pola Unidade Municipal de Atención ao Drogodependente (UMAD) participan máis de 2.100 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Ensino Primario Obrigatorio (EPO) e de 1º e 2º de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) de 25 centros educativos do municipio.

Cinensino leva desenvolvéndose dende o curso 1994/95. Englóbase dentro do contexto da Educación para a Saúde e pretende ser un instrumento complementario nesta área e dentro do actual sistema educativo. Para isto é asumido polo centro escolar, ao que se lle facilita asesoramento, medios e formación imprescindible para que sexa impartido polo seu profesorado.

A ferramenta pedagóxica que se emprega é o cinema. Mediante a proxección dunha película vaise traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas. Para empezar, os alumnos visionan tres películas (unha por trimestre), que se proxectan nunha sala de cine do Concello.

O programa inclúe tamén a entrega das unidades didácticas, unha diferente por cada película e dirixidas unhas aos alumnos (caderno do alumnado) e outras aos profesores (manual do profesorado), para traballar na aula. Cada unidade didáctica desenvolve unha serie de explicacións que, dirixidas polo profesor, permiten definir e orientar os contidos sobre os que se vai traballa. Consta dunha serie de exercicios e actividades que facilitan a reflexión e participación dos alumnos.

A última fase consiste nun Curso de formación do profesorado en prevención de drogodependencias a través dunha plataforma de teleformación en Internet. Está dirixido a todos aqueles profesionais do ensino, neste caso de ESO, que estean interesados en ampliar os seus coñecementos no campo da prevención escolar.

O programa foi presentado polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, nun acto celebrado na Aula de Cultura de Caixa Galicia.

Compartir: