BENESTAR SOCIAL

O Concello reclama unha maior contribución económica da administración autonómica no programa do Servicio de Axuda no Fogar

22/04/2005 Perto de cen persoas se acolleron ao programa de Servicio de Axuda no Fogar (SAF) ao longo do pasado ano, un programa que, segundo a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, "constitúe un pilar básico dos servicios sociais, cada vez máis reclamado e necesario e que precisa por tanto de maiores recursos económicos". A concelleira demandou neste senso que as administracións públicas "teñan en conta esta demanda social" e sinalou que a aportación da Xunta de Galicia, estimada en custo por persoa, segue a ser a mesma cantidade desde hai unha década, mentres que, por exemplo, entre o ano 2000 e o ano 2004 o número de beneficiarios pasou de 63 a 91. De feito actualmente 11 persoas están en lista de espera para poder recibir as prestacións deste servicio.

Un total de 91 persoas se acolleron a este programa ao longo do pasado ano, segundo os datos de memoria do Servizo Axuda no Fogar correspondente ao ano 2004 e ao que o Concello adicou 222.000 euros. O desaxuste das aportacións das distintas administracións se reflicte no feito de que o Concello aporte un 60%, a Xunta de Galicia un 32% e a Deputación un 7%. O orzamento para o ano 2005 mantense neste mesmo importe

O programa de Servicios de Axuda no Fogar ten por obxecto á prestación dunha serie de atencións aos cidadáns no seu propio domicilio naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar.

Menores, persoas enfermas física ou mentalmente, persoas con discapacidade, colectivos específicos, familias que presenten disfuncións e persoas maiores con algún tipo de dependencia son os principais beneficiarios potenciais deste servizo.

Entre os principais obxectivos deste programa atópanse os seguintes: facilitar a autonomía persoal do usuario, posibilitar a súa permanencia no seu medio habitual, previr e retrasar o seu ingreso en centros residencias, mellorar a súa calidade de vida e posibilitar a mellora de situacións familiares problemáticas ou de alto risco.

As mulleres, principais solicitantes deste servicio

Segundo se desprende da memoria do ano 2004 a maioría dos beneficiarios do servizo de axuda no fogar no 2004 foron mulleres (79 mulleres, o que supón o 87%), mentres que só o 13% (12 persoas) foron homes. A maioría dos beneficiarios teñan unha idade comprendida entre 80 e 89 anos.

Segundo o tipo de colectivo de pertenza, o 79% correspodentes a persoas maiores, fronte ao 18% que se agrupan no sector de minusvalías. Soamente un 3% das prestacións do servizo se dedicaron a unidades familiares con necesidades de atencións domésticas formativas. Ademais, o 73,6% dos beneficiarios viven sós, seguido do 17,6% que viven acompañados, e adoitan ser persoas viúvas (un 49,5%), seguidos de persoas solteiras (31,9%).

Os datos reflicten que un 45,1% reciben atencións de carácter doméstico e persoal, isto é, axuda para a realización das tarefas do fogar e paralelamente, axuda para o seu aseo persoal.

Na memoria presentada defínese tamén o perfil do beneficiario do SAF en Santiago: sería unha muller de 77 anos, viúva, cunha media de 1,46 integrantes na unidade de convivencia, pensionista, renda media anual de 4.917,95 euros e que recibe unhas 5,72 horas de prestación do servizo á semana.

Nas conclusións da memoria se recolle unha solicitude expresa ás administracións de cara a un compromiso de financiamento máis equitativo. En Santiago "tan só o 0,5% do colectivo das persoas maiores de 65 anos son beneficiarias do servizo pola insuficiencia do orzamento", sinálase, pese a que o Plan Xerontolóxico elaborado polo Ministerio de Asuntos Sociais en 1993 establece que "a cobertura do servizo de axuda a domicilio débese situar nunha ratio de 8 beneficiarios do mesmo por 100 habitantes maiores de 65 anos".

Compartir: