ALCALDÍA

O alcalde reitéralle ao presidente da Xunta a súa demanda de mediación para lograr a cuarta Sala do Social para Santiago

18/11/2016 O alcalde de Santiago confirmou esta mañá que hoxe mesmo mantivo unha conversa telefónica co presidente da Xunta para "reiterarlle a súa petición de mediación ante o Ministerio de Xustiza, para que contemple a creación dun cuarto xulgado do social na capital galega".

Martiño Noriega asegurou que "Alberto Núñez Feijóo comprometeuse a facer algunha xestión ao respecto, e mostrou receptividade coas demandas de Compostela". Aínda así, o rexedor incidiu en que "non é bo que se xeren grandes expectativas ao respecto, e o que toca é deixar traballar ás distintas partes para que se logre o obxectivo".

O alcalde compostelán lembroulle a Alberto Núñez Feijóo a posición do decano do Colexio de Avogados de Santiago, do xuíz decano, e do conxunto da Corporación municipal "que onte mesmo aprobou no pleno unha declaración institucional reclamando a creación da cuarta sala do Social". A conversa mantida hoxe súmase ao escrito que Martiño Noriega lle remitiu ao presidente da Xunta tras coñecerse o reparto de novos xulgados acordado pola comisión mixta formada polo Goberno galego e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que deixou fora a nova sala do Social de Compostela.

Compartir: