IGUALDADE

Dezasete concellos únense á campaña "En negro contra a violencia"

17/11/2016 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a sinatura dun protocolo de colaboración entre os 17 concellos adheridos á campaña En negro contra a violencia. No acto estiveron representados 15 destes consistorios, en concreto polos os alcaldes e alcaldesas de Ames, José Manuel Miñones; Lugo, Lara Méndez; Ribadeo, Fernando Suárez; Santiago, Martiño Noriega; Sarria, Pilar López; Vilaba, Agustín Baamonde e Zas, Manuel Muíño. Tamén estiveron os concelleiros e concelleiras de Igualdade de Cangas, Tomás Hermelo; Carballo, María del Carmen Ures; A Coruña, Rocío Fraga; Ferrol, Sainza Ruíz; Poio, Rosa Fernández; Sada, Isabel Reimúndez; Teo, Ignacio Iglesias e Tui, Laureano Alonso.

Os obxectivos da campaña son o fomento dunha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas. Tamén se quere implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas, e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte dos establecementos comerciais e axentes sociais.

A campaña comeza mañá venres 18 e rematará o 25 de novembro de forma simultánea en todos os concellos adheridos. De momento son case 2.000 os establecementos e entidades que participarán da campaña nos 17 concellos. Poden consultarse estes datos, así como descargar material da campaña, no enderezo electrónico www.ennegrocontraaviolencia.gal.

Cuestión de Estado
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quixo agradecer a presenza no día de hoxe dos concellos asinantes e lembrou que "a lacra das violencias machistas é unha cuestión que afecta a toda a sociedade, con dúas mulleres asasinadas en Galicia no que va de ano e 47 no conxunto do Estado. Por iso", engadiu, "é preciso reivindicar un pacto de Estado e a unión de todos os partidos políticos ante isto, como estamos a facer estes 17 concellos dende o ámbito municipal". O rexedor compostelán reivindicou "a rede que hoxe se segue a tecer entre todos os concellos e que vai máis alá da institución mandando unha mensaxe clara".

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lembrou as cifras de mulleres asasinadas durante este 2016 e manifestou que "con esta sinatura amósase que hai unha soa cor, o negro, para visualizar unha lacra social que nos afecta a todos e a todas". Méndez quixo agradecer tamén a toda a sociedade lucense pola implicación na campaña.

Tamén tivo palabras de agradecemento o alcalde de Ames, José Miñones, que destacou "o labor que fan os e as traballadoras sociais dos concellos no día a día" e indicou que este tipo de iniciativas que xorden dende o local "teñen un maior impacto e chegan máis á sociedade civil".

Pola súa parte, o rexedor de Vilalba, Agustín Baamonde, asegurou que "non só asumo este compromiso como alcalde, senón que o fai toda a sociedade civil vilalbesa". Baamonde lembrou que o nome da súa localidade significa vila branca, pero que durante esta campaña "tínguese de negro con 250 establecementos adheridos".

Outra das intervencións foi a da alcaldesa de Sarria, Pilar López, quen considerou "crucial contribuír entre todos e todas a remover conciencias" e fixo unha especial referencia "ao importante labor que fan os CIMs de cada localidade". López salientou as cifras de participación na campaña, que superan os 1.900 establecementos en toda Galicia.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, fixo fincapé nas poucas competencias que teñen os concellos a nivel económico e normativo, ao mesmo tempo que incidiu "no feito de que sexamos a Administración máis próxima á cidadanía". Fernando Súarez felicitou a todos os concellos por participar e asegurou que "hoxe estamos a ser un exemplo de unidade para toda Galicia".

Por último o rexedor de Zas, Manuel Muíño, quixo "felicitar ao Concello de Santiago e a Marta Lois por levar unha iniciativa como esta máis alá dunha data determinada". Para o alcalde, cómpre valorar esta "unión de concellos de distintas cores políticas nacida da Administración máis próxima".

Direcciones relacionadas



Compartir: