CONSORCIO

Un novo libro revisa os mitos do Apóstolo

14/11/2006 O Hostal dos Reis Católicos acolleu a presentación do libro "Los mitos del Apóstol Santiago", de Ofelia Rey Castelao, coeditado polo Consorcio de Santiago e a editorial Nigratrea. O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo asistiu a este acto, que deu a coñecer unha obra que repasa as orixes do mito, pasando por tódalas súas etapas, ata o século XX.

Cómo xorde a creación dun labirinto mítico arredor do apóstolo Santiago, por qué tanta ausencia de información sobre a súa traxectoria vital, en qué medida se vai convertendo no epicentro dunha construción mítica co paso do tempo, cómo se van renovando os mitos do Apóstolo na sucesión dos anos xacobeos, qué intereses ocultos se esconden trala súa figura, ou o entramado de lendas e crenzas, etc. son cuestións que aborda a súa autora nas páxinas deste libro novidoso. Todas estas cuestións están nun libro que descobre ese labirinto mítico en torno á figura do apóstolo más universal da Historia.

Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna na Facultade de Xeografía e Historia da USC, é autora de doce libros e numerosos estudios sobre temas xacobeos, aos que dedicou a súa tese doutoral "El Voto de Santiago en la España Moderna". O presente estudo está orientado para lectores non especializados en historia; o que non quere dicir que non sexa un estudio feito desde a rigorosidade académica, xa que ten como fundamento as múltiples investigacións elaboradas pola autora sobre o fenómeno xacobeo desde 1978.

Con este libro, o Consorcio de Santiago retoma e da un novo pulo a política de publicacións do fenómeno xacobeo e daqueles outros aspectos relacionados coa historia, a arte e a literatura compostelás. Esta política editorial, propiciada en numerosas ocasións en colaboración con outras editoriais e iniciada hai 15 anos co programa "Compostela 93", foi a que deu lugar a diferentes coleccións bibliográficas: Biblioteca Facsimilar, Biblioteca Científica Compostelana, Biblioteca de Divulgación Xacobea, Biblioteca Literaria Compostelana e Biblioteca de Imaxes.

A estas coleccións vaise incorporar de inmediato a Biblioteca Infantil e Xuvenil, destinada a difusión de Santiago entre os máis pequenos. Esta nova liña editorial conta coa colaboración de recoñecidas editoriais galegas, autores e ilustradores que achegarán, antes de final de ano, os primeiros títulos para os máis cativos e, con eles, o atractivo monumental e fantástico da cidade universal desde a óptica do debuxo e a ilustración.

Ademais do alcalde, participaron no acto de presentación, entre outros a autora do libro, Ofelia Rey Castelao; e o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva.

Compartir: