POLÍTICA LINGÜÍSTICA

"Tíralle da lingua" chega á súa VII edición na procura da normalización do uso oral do galego entre os máis novos

14/11/2006 Promover a utilización oral do idioma galego entre as xeracións máis novas é o obxectivo dunha nova edición do proxecto "Tíralle da lingua", organizado pola Concellaría de Política Lingüística en colaboración coa Asociación Pedagóxica Galega (AS-PG). A iniciativa ten dúas fases: unha formativa para o profesorado o sábado 18 de novembro e outra a desenvolver nos centros educativos a través dun concurso de relato oral.

Na presentación deste proxecto, o concelleiro de Política Lingüística, Manuel Portas, apuntou a necesidade de "potenciar o idioma entre os pequenos dende o punto de vista lúdico" como unha das maneiras de afrontar as dificultades que moitos deles teñen para falar o galego. Nisto mesmo incidiu iria Aboi, da AS-PG, quen defendeu a importancia destas xornadas "para favorecer que os pequenos desenvolvan unha capacidade oral relegada moitas veces ás aulas".

A primeira fase do proxecto consiste nunha xornada dirixida ao profesorado, aínda que calquera pode participar, a celebrar o 18 de novembro no Centro Sociocultural de Vite (Rúa Carlos Maside, 7). As actividades comezarán ás 9:00, con varios relatorios, a presentación do libro "A bisneta lercha", de Paco Martín, e a posta en escena de "Sempre ao lonxe", a cargo de Mofa e Befa.

A segunda fase consta dun concurso de relato oral, que se desenvolverá a través dos centros educativos e que terá a súa fase final no Teatro Principal durante o mes de abril. Concederase un primeiro premio de 250 euros ao relato gañador e, de consideralo o xurado, un segundo por valor de 150 euros.

Documentos relacionados



Compartir: