ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Antonis Papatheodolou e Iris Samartzi reciben o IX Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

10/11/2016 Os gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi recibiron de mans do alcalde, Martiño Noriega, o IX Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, como autores do texto e das ilustracións, respectivamente, da obra Unha última carta. A cerimonia celebrouse no Salón Nobre do Pazo de Raxoi.

O xurado desta edición acordara por maioría o pasado 14 de abril que o premio recaera en Unha última carta polo "equilibrio entre a ilustración e o texto, formando un todo harmónico". Tamén valoraron a consistencia da narración, que "transmite ledicia e tenrura á vez". Protagonizada por un carteiro, a historia pon en valor este oficio "como un elemento de comunicación favorecedor das relacións entre persoas e comunidades". Da proposta estética resaltaron a composición plástica, con predominio do trazo e do collage, que traslada a "unha suxestiva paisaxe insular mediterránea".

A dotación do certame é de 9.000 euros e implica a publicación do traballo nas cinco linguas peninsulares pola editorial Kalandraka, que colabora coa Concellaría de Educación e Cidadanía na convocatoria do galardón.

Nesta edición presentáronse 240 traballos procedentes dos seguintes países: México, Singapur, Londres, Arxentina, Alemaña, Inglaterra, Portugal, Italia, Suiza, Polonia, Chile, Croacia, República Checa, Xapón, Holanda, Canadá, Brasil, Ecuador, Estados Unidos, Cuba, Colombia, Serbia, Grecia e España.

O xurado nesta novena edición estivo formado por Martiño Noriega, alcalde de Santiago; Manuel Dios, concelleiro de Educación; Miguel Azaola, licenciado en Filoloxía Alemá pola Universidade Complutense de Madrid; Carme Solé, ilustradora xurdida da Escola Massana de Barcelona e responsable de ilustrar máis de 700 títulos entre álbums e libros de texto; Ánxeles Roca, licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago e bibliotecaria da Rede de Bibliotecas Municipais do Concello de Cambre; Manuela Rodríguez, representante de Kalandraka; Xosé Manuel Rodríguez-Abella, técnico do Departamento de Educación; e Beatriz Varela, técnica do mesmo Departamento.

Premio Internacional Compostela
O Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados é un certame convocado dende 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coa Editorial Kalandraka, dirixido a autores/as e ilustradores/as de todas as nacionalidades. A iniciativa xurdiu no marco da Campaña de Animación á Lectura que este departamento municipal vén organizando dende o ano 2001, co obxectivo de enxalzar este xénero literario e artístico e proxectar internacionalmente o nome da cidade, a través de publicacións de libros de calidade en varias linguas.

Trátase dun dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor, e cun significativo nivel de participación nas sete edicións, ao que se engade o prestixio do xurado que avalía as obras presentadas.

A convocatoria preséntase no último trimestre de cada ano e o fallo anúnciase en abril coincidindo co mes do libro, durante o desenvolvemento da Campaña Municipal de Animación á Lectura –que este ano cumpriu a súa XVI edición-, para proceder á presentación da obra e á entrega do galardón transcorridos un seis meses, durante os que se traballa no proceso de edición e produción da obra.

A obra premiada en cada edición publícase nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- así como en inglés. A editorial pode publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial.

O número total de traballos presentados en todas as edicións ascende a 3.072.

Compartir: