PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Plan de Excelencia Comarcal promoverá un comercio competitivo e de calidade

13/11/2006 O presidente da Comisión de Promoción Económica, Emprego e Turismo da Deputación de A Coruña, Pablo Villamar, e o concelleiro de Promoción Económica, Comercio e Mercados, Xosé Manuel Iglesias asinaron un convenio de colaboración para financiar a execución do Plan de Excelencia Comercial. O orzamento do proxecto ascende a 289.022 euros, 146.238 aportados polo Concello e o resto pola Deputación. Ao marxe dos servizos e accións incluídos no Plan, a Concellaría destina case 100.000 euros máis a distintas actividades relacionadas co comercio

O finalidade do plan é conseguir un comercio atractivo, competitivo e de calidade para converter a Compostela na capital de compras da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Nesa liña, a Concellaría de Promoción Económica e Comercio traballa para mellorar a colaboración entre as administracións e os axentes implicados no desenvolvemento comercial, cos obxectivos de optimizar o pequeno e mediano comercio para facelo máis moderno e competitivo; e de apoiar e completar a oferta comercial de Compostela.

O Plan de Excelencia Comercial contempla seis grandes liñas de actuación, deseñadas estratexicamente para fortalecer ós establecementos existentes, implicar a axentes emprendedores, e promover o protagonismo e participación dos comerciantes e hostaleiros no desenvolvemento das accións contidas no proxecto.

Eixes de actuación

O Servizo integral de Asesoramento ao Comercio: formado polo responsable do Servizo, un técnico, un técnico en Comunicación, Mercadotecnia e Distribución, e un Administrativo. A súa misión é coordinar todas as accións relacionadas co comercio desenvolvidas pola Xunta, o Concello de Santiago, a Cámara de Comercio, e as asociacións de comerciantes. O Servizo Integral de Asesoramento ao Comercio actuará a través do desenvolvemento dos seguintes plans de acción:

• Fomento da Formación e Capacitación. Entre os seus obxectivos figuran coordinar a oferta formativa coas necesidades do mercado e potenciar o interese dos comerciantes pola formación.

• Plan de Creación de Novas Iniciativas Comerciais, para acadar unha oferta comercial ampla e diversificada.

• Plan de Mellora para os comercios en activo para potenciar os puntos fortes do pequeno comercio e mellorar a súa competitividade. O Plan establece a creación dunha Marca de Comercio Compostelá.

• Plan de Dinamización e Promoción Comercial, a través de programas de proxección externa e de dinamización interna dos comercios. Medidas de dinamización que xa funcionan como o Concurso de Escaparatismo, o Concurso de Imaxinación máis Comercio, o servizo de coidados de nenos en horario comercial Comercio compostelán para mercar e xogar (un espacio lúdico gratuíto no Pazo de Bendaña onde os rapaces entre 3 e 10 anos poden xogar mentres os pais van mercar). Contempla ademais mercados temáticos e a difusión da campaña de promoción Compostela Capital de Compras deseñada pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio.

• Plan de Asesoramento Asociativo: para asesorar as asociacións comerciais.

Os servizos e actuacións financiadas polo Plan de Excelencia Comercial deseñáronse a partir dos datos dun estudo de diagnose sobre a situación do sector comercial e a hostalería no Concello de Santiago, presentado en outubro e elaborado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio en base a 1.400 enquisas realizadas (500 a comerciantes, 500 a residentes, 200 a estudantes e 200 a turistas).

En Compostela hay 3.922 establecementos comerciais e hostaleiros. Catro de cada cinco persoas ocupadas traballan en actividades terciarias, un sector que concentra altos porcentaxes de contratación. Segundo o Estudio do Mercado laboral na provincia de A Coruña do Instituto Galego de Cualificacións, no ano 2004 o grupo onde máis contratos se asinaron na comarca de Santiago foi o de traballadores de servizos de restauración, de servizos persoais e de protección, e vendedores de comercio. Subscribíronse 13.944 contratos, un 21,64% do total.

Compartir: