IGUALDADE

Quince concellos súmanse á campaña "En negro contra a violencia"

27/10/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, anunciou esta mañá que este ano serán 15 os concellos que desenvolverán a campaña En negro contra a violencia, á que se poden adherir todos os establecementos que o desexen.

A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas son os 15 concellos que se suman á campaña impulsada o ano pasado dende Santiago para concienciar sobre a lacra das violencias machistas e que levaba por nome Compostela en negro.

Marta Lois lembrou que "o ano pasado conseguimos que máis de 200 establecementos se sumaran a esta iniciativa. Por iso e debido ao bo retorno que tivemos" -engadiu a concelleira- "pensamos que era necesario compartir con outros concellos esta iniciativa e unirnos dende o eido municipal ante un problema que temos como sociedade, que non é outro que a violencia contra a muller. Ao igual que se reivindica un pacto de rstado contra a violencia e os feminicidios, cremos importante que dende o local os municipios nos involucremos e nos posicionemos ante as violencias machistas. Ten que ser unha prioridade política que ocupe a centralidade nas axendas dos partidos políticos, independentemente da súa cor".

Na rolda estiveron presentes os e as representantes de 7 dos 15 concellos que se sumaron este ano a Compostela. Lois estivo acompañada de Luisa Feijóo, concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Ames;

María Carmen Ures, concelleira de Igualdade e Benestar de Carballo; Isabel Reimúndez, concelleira de Benestar Social e Igualdade de Sada; Ignacio Iglesias, concelleiro de Benestar, Igualdade, Mocidade e Participación Veciñal de Teo; Manuel Muíño, alcalde de Zas; Mariluz Álvarez Lastra, concelleira de Educación e Igualdade de Ribadeo; e María do Carme Fouces, concelleira de Educación, Igualdade e Servizos Sociais de Pontevedra.

Protocolo
A concelleira de Igualdade avanzou que a colaboración de todos estes concellos e o traslado da marca creada o ano pasado na campaña compostelá En negro concretarase nas vindeiras semanas mediante a sinatura dun protocolo na que estarán presentes os 15 concellos, tamén "os que hoxe non puideron vir por problemas de axenda".

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, quixo agradecer "a oportunidade de participar nesta iniciativa, sobre todo tendo en conta que somos un concello rural de apenas 4.000 habitantes". Iso si, o rexedor lembrou que "a lacra das violencias machistas existe tamén nos pequenos concellos aínda que estea dun xeito máis oculto; por iso é importante lanzar campañas coma esta que axuden a visibilizar esta lacra que sofren as mulleres e sufrimos toda a sociedade".

Pola súa banda, a concelleira de Educación e Igualdade de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, destacou que "máis que unha cuestión de estado trátase dunha cuestión cidadá e sobre todo educativa". Por iso sinalou que no seu concello levan tempo "traballando cos colexios pola igualdade efectiva entre homes e mulleres".

María do Carme Fouces, concelleira de Educación, Igualdade e Servizos Sociais de Pontevedra amosou a súa satisfacción por "sermos capaces de darlle unha lección a toda a sociedade". Fouces quixo destacar tamén "a fortaleza que podemos ter se nos unimos todos e todas independentemente das adscricións políticas de cadaquén".

Compartir: