ACCIÓN CULTURAL

O Teatro Principal, escenario da primeira gala dos Premios Ari(t)mar

21/10/2016 O Teatro Principal acollerá o próximo martes a primeira gala de entrega dos Premios Ari(t)mar da Música e da Poesía Galego-Portuguesa, impulsados pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago co obxectivo de recoñecer e afianzar os vínculos lingüísticos e culturais ás dúas beiras do Miño. A iniciativa conta co apoio do Concello de Santiago, e das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura.

A Gala Ari(t)mar foi presentada hoxe nunha rolda de prensa na que participou a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; os secretarios xerais de Política Lingüística e Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo; o director da EOI de Santiago, Gonzalo Constenla, e a poeta galega premiada, María do Cebreiro. Xunto coa escritora, nesta primeira edición dos galardóns foron recoñecidos o poeta portugués José Ricardo Nunes, o músico galego Xabier Díaz, e os lusos Capicua.

A concelleira Branca Novoneyra mostrou a satisfacción do Concello de Santiago por poder colaborar con esta iniciativa, "que ten uns obxectivos que compartimos, como quedou demostrado na aprobación por unanimidade da incorporación de Santiago á Unión de Cidades Capitais da Lingua Portuguesa, UCCLA, no pleno de onte". A edil lembrou que "fomentar a cooperación entre Galicia e Portugal é un dos fins da Lei Paz Andrade, aprobada no Parlamento Galego".

A entrega dos premios Ari(t)mar terá lugar o próximo martes 25, a partir das 20:00 horas, no Teatro Principal. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo.

Toda a información para a retirada de billetes está dispoñible en www.eoisantiago.org.

Compartir: