VIVENDA

46 familias habitarán as vivendas de promoción autonómica de Fontiñas a partir da semana que vén

11/11/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, salientou na visita ás vivendas situadas na parcela 6 do polígono 6-7 de Fontiñas, a súa satisfacción polo feito de que o inmoble está listo para ser ocupado en breves datas por 46 familias e pola calidade da construción. Trátase dun edificio cun deseño moderno e xuvenil, que vai ser habitado, na súa maior parte, por xente nova.

Son as primeiras vivendas adxudicadas por concurso público por parte da Empresa Municipal de Vivenda e Solo, EMUVISSA, adxudicación que recaeu sobre a UTE Monteviejo-Millarcasa, con proxecto dos arquitectos Xerardo Estévez, Ángel Alonso e Eugenio Pardo, o 11 de abril de 2003.

O edificio está concebido para ser a metade vivendas de aluguer a 25 anos, e que leva a sociedade Monteviejo Inversiones S.L., e a outra metade en venta, parte promovida pola Cooperativa Roxos Galicia.

O inmoble componse de dous sotos que conteñen 46 plazas de garaxe e 46 trasteiros (un por vivenda) e catro plantas de vivendas nas que a primeira-baixa e a segunda-terceira son dúplex, mentres que a cuarta está ocupada por pisos. O baixo-cuberta componse de 46 tendedeiros e unha gran sala de festa que, xunto cunha parte da cuarta planta, forma un dúplex para uso comunitario.

As vivendas foron cualificadas provisionalmente de protección autonómica o 24 de maio de 2004 e obtiveron a licenza de Primeira Ocupación, concedida polo Concello, o 30 de outubro de 2006. Nestes intres están pendentes da cualificación definitiva e espérase que sexan ocupadas a partir da vindeira semana.

As vivendas da Cooperativa son vinte de tres dormitorios de, aproximadamente, 90 metros cadrados útiles e de dous dormitorios de 70 metros cadrados. As vivendas de aluguer son 24, teñen dous dormitorios e unha superficie de 70 metros cadrados.

Compartir: