EDUCACIÓN E MOCIDADE

Seguen as actividades do programa "Xuventude, moito que dicir"

11/11/2006 No marco do programa "Xuventude, moito que dicir", presente en Compostela a través dunha exposición na Alameda ata o 27 de novembro, continúan a desenvolverse distintas actividades complementarias. O seu obxectivo é fomentar a participación dos cidadáns de Santiago, en especial de nenos e xóvenes en concertos, exhibicións, talleres, xornadas literarias, espectáculos de danza, contacontos, feira de asociacionismo, xincana de valores. A entrada é libre e gratuita para todas as actividades.

Para esta fin de semana tamén había previstas distintas actividades. Así, o sábado 11 celebrouse unha festa activa. Os participantes estiveron nun espazo para a cultura e a creatividade xuvenil que lles permitiu dar a coñecer as súas propostas musicais, de break dance, hip hop ou grafittis.

Houbo un obradoiro de equilibrios onde se impartiron nocións de diferentes aparatos, coma o arame, a bola de equilibrios, os zancos ou o rulo americano. Tamén se deron clases de malabares. Todo isto completouse con animación monociclo e globoflexia.

Para o domingo 12 de novembro as actividades comezan cun menú de contos, nha proposta teatral de proximidade para introducir aos máis novos na maxia de historias sorprendentes. A continuación, Feira de Asociacionismo Xuvenil, na que os xóvenes de Santiago teñen a oportunidade de instalar os seus expositores no Paseo Central da Alameda. Con este espazo preténdese promover e dar a coñecer os proxectos e actividades que desenvolven as asociacións culturais, de tempo libre e organizacións non gobernamentais.

Compartir: