UMAD

Os colexios da cidade participan nun curso de habilidades sociais

10/11/2006 Un total de 21 centros educativos de Compostela están a participar no Programa de prevención de Drogodependencias "Habilidades sociais" neste curso 2006/2007.

Este programa, dirixido a alumnos e alumnas de sexo da Educación Primaria Obrigatoria (EPO), ten coma obxectivo a intervención preventiva nos centros escolares para proporcionar aos rapaces habilidades e competencias sociais que lles premitan manter relacións satisfactorias e ter respostas ante a presión do grupo.

Con esta aprendizaxe quérese potenciar os diferentes factores de protección como: a manifestación de emocións, afrontar e resolver os conflitos, a estimulación e fortalecemento da autoestima, a educación en valores e actitudes positivas, poñerse no lugar do outro, etc. A potenciación destes factores vai permitir acadar unha maior influencia para eliminar, ou cando menos reducir, todas aquelas tendencias que poidan desenvolver condutas conflitivas ou problemáticas.

As actividades deste programa céntranse no xogo de roles (pequena posta en escena na que se representan situacións que se dan a cotío). Esta forma de participación dálles aos alumnos a oportunidade de, por unha banda, aprender a mellorar aqueles comportamentos ou xeitos de relacionarse que os fan máis competentes e, por outra banda, recibir dos seus compañeiros, mediante preguntas moi sinxelas recollidas en tarxetas, unha devolución obxectiva de como fixeron o exercicio.

O programa leva desenvolvéndose dende o curso 1997/98 e vai dirixido a alumnos da EPO. Nesta tempada o curso chegará a 650 alumnos de 32 grupos ata o mes de maio.

Este curso o programa variou a sua estrutura en relación ao anterior, debido á demanda dos centros onde se impartía. A Unidade Municipal de Atención aos Drogodependentes (UMAD) aumentou as sesións das que constaba o programa, cegando ás oito en lugar das seis de antes. Ademais, axustáronse os contidos, ocupando menos tempo lectivo posible.

Compartir: