TURISMO

"Time out" elixe a Compostela coma un dos mellores destinos urbanos

10/11/2006 A máis prestixiosa revista británica dedicada ao tempo libre publicou un especial chamado "European breaks: The top 100 destinations", no que escolle a Santiago de Compostela como unha das mellores "escapadas" curtas dende a capital británica.

A revista incluíu a Santiago de Compostela entre outras grandes cidades do continente. Na valoración dos aspectos máis positivos do destino, Compostela resultou destacada nos apartados de monumentos, gastronomía, vida nocturna e romance.

"Gaitas, choiva e percebes para a comida: Santiago de Compostela no podería estar más lonxe da España tópica do flamenco e das corridas de touros", afirma a introdución. "Malia a choiva –que os nativos din que fai a cidade aínda máis fermosa– a capital galega é unha das cidades españolas máis románticas e posúe un casco histórico perfectamente conservado que foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Santiago é tamén un vital centro universitario con moitos bos restaurantes e numerosas áreas verdes".

Ademais de describir os monumentos, festas, gastronomía, vida nocturna, aloxamentos e excursións, a publicación ofrece algúns "tips": "¿Por que ir? Para manter viva a tradición milenaria da peregrinación, que se remonta a 1.200 anos. Hai que ir: Para ver o incensario xigante desprazándose pola catedral. Non vaia: Sen un paraugas. Os galegos teñen un amplo vocabulario para a choiva e só unha palabra para o sol. ¿O máis curioso? Galicia é unha das sete nacións celtas".

Compartir: