PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Plan de Acción Local polo Emprego marca o camiño para a redución do paro en Santiago

10/11/2006 A Concellaría de Promoción Económica vén de asinar o Plan de Acción Local polo Emprego cos principias axentes vinculados ao desenvolvemento do mercado laboral en Compostela. Este Plan é o marco que recolle as políticas de emprego e promoción económica que se desenvolverán no municipio.

O principal obxectivo do Plan é reducir as taxas de paro en Santiago, traballando dun xeito conxunto e coordinado na concertación de políticas e accións que permitan facer de Compostela unha cidade punteira e de referencia na creación de emprego. Un mercado laboral caracterizado pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e pola equidade no acceso a un posto de traballo.

Para acadar este fin asinouse o Plan de Acción Local polo Emprego, o Convenio marco con cada unha das partes para os anos 2006/2007 e o acordo específico para o anexo das accións que se van desenvolver en 2006. O orzamento para as actividades en 2006 é de 5.272..631 euros

Para que o deseño das actividades contempladas no Plan se adecuase á realidade do mercado laboral de Compostela elaborouse un documento marco de referencia sobre a situación do mercado laboral. Fíxose especial fincapé naqueles colectivos de difícil inserción laboral: as mulleres, os mozos con baixa cualificación; os parados de longa duración, os discapacitados e os marxinados socialmente.

Este informe deixa como dato que en setembro se rexistraron 5.617 persoas desempregadas en Compostela. O paro descendeu un 2,21% respecto ao mesmo mes de 2005. As cifras seguen a indicar que o desemprego feminino é superior ao masculino. Así, o 64,8% das persoas desempregadas en Compostela son mulleres.

Respecto aos perfís con maior inserción laboral, segue á cabeza o dos traballadores de servizos de restauración, seguidos dos servizos ás persoas, dos servizos de protección e do comercio.

O Plan de Acción Local foi asinado polas seguintes entidades: Concellaría de Promoción Económica, Consellería de Traballo, Universidade de Santiago, Cámara de Comercio de Santiago, UXT-Galicia, Comisións Obreiras de Galicia, CIG, Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Asociación de Empresarios de Hostelería e Asociación Plataforma polo Emprego.

Compartir: