URBANISMO

Compostela contará coa maior área empresarial de Galicia

10/11/2006 Os plans de sectorización dos solos industriais 37.3 (Costa Vella) e 38 (Formarís) irán a un pleno extraordinario o xoves 16, segundo anunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Tralo seu paso pola Comisión de Urbanismo, darase así o visto bo definitivo a dous proxectos que permitirán ofrecer aos empresarios composteláns uns 400.000 metros cadrados máis de solo industrial no ámbito do Polígono do Tambre. Unha actuación máis para conseguir a maior parque empresarial de Galicia.

O Concello xa ten contratada a redacción dos proxectos de reparcelación e urbanización destes dous solos, que se desenvolverán en paralelo. Por iso, a previsión é que as obras de urbanización se poidan licitar no primeiro semestre de 2007 e que os polígonos estean listos en 2008. A urbanización afectará aos dous solos e tamén á construción da rotonda que se pretende conectar con periférico. Nestas actuacións investiranse uns 17 millóns de euros.

O solo 37.3, na Costa Vella, disporá de 167.309 metros cadrados útiles, nos que entre outra dotación, haberá 1.416 prazas de aparcadoiro. Pola súa parte, o 38, en Formarís (entre o Polígono do Tambre e a estrada da Coruña), contará con 279.390 metros cadrados e 2.163 prazas de aparcadoiro. A urbanización neste solo aproveitarase tamén para darlle continuidade viaria ao Polígono do Tambre e mesmo se prevé unha rúa de conexión coa ponte de acceso ao mesmo.

Estes dous solos únense así aos xa existentes e a outros en proxecto de gran envergadura como o da Sionlla. O obxectivo final, tal como sinalou Sánchez Bugallo, "é crear unha área empresarial de case seis millóns de metros cadrados, co que estariamos ante o parque empresarial máis grande de Galicia". O alcalde destacou ademais que as ampliacións de solo se estean facendo no mesmo contorno, o que xenera "moitas sinerxías" nesta zona.

Sobre a demanda empresarial de solos e a ocupación efectiva dos mesmos, indicou que o principal problema non está na disponibilidade de solo, senón no prezo do mesmo. Neste sentido recordou a xurisprudencia neste campo, especialmente en materia de expropiacións.

Cidade da Cultura

Na súa comparecencia habitual dos venres ante os medios, o alcalde aproveitou para valorar a súa presenza no "Meeting Point" de Barcelona, onde puido coincidir con algúns dos arquitectos máis prestixiosos do mundo. Alí falouse, entre outras cuestións, do funcionamento dos grandes equipamentos como motor de desenvolvemento urbano. Neste marco, Sánchez Bugallo referiuse á Cidade da Cultura e indicou que se deberán ter en conta dous puntos para o futuro: a súa integración na cidade e o posible desenvolvemento residencial no seu contorno.

Compartir: