CULTURA

A estatua de Montero Ríos mira á Catedral

10/11/2006 "A visita de Eugenio" é o título da proposta do artista portugués André Guede para o proxecto "A cidade interpretada". A mesma consiste no traslado temporal da estatua de Montero Ríos dende a Praza de Mazarelos á do Obradoiro, o mesmo punto onde estivera colocada oitenta anos antes.

Nesta intervención Guedes xoga coa inmobilidade das pezas patrimoniais para suxerir que a historia pode pregarse sobre si mesma, que o espazo intemporal e invariable que define todo monumento pode abrirse ao presente. Neste caso, o obxecto da súa atención é unha das estatuas emblemáticas da cidade, a de Montero Ríos, que durante dous días permanecerá fronte á Catedral compostelá. É como se o personaxe tivese a vontade de baixar do seu pedestal.

A estatua en bronce de Montero Ríos é obra do valenciano Mariano Benlliure y Gil e data de 1916, dous anos despois do falecemento do homenaxeado. Trátase dunha obra na que se plasma a facilidade descritiva e a elegancia do escultor, que aquí reflicte o sentimento e a psicoloxía do representado. A escultura está nun óptimo estado de conservación, sen alteracións relevantes máis alá das do paso do tempo.

As obras de André Guedes a interpretación de cada un é unha performance que relaciona experiencia e memoria. Os espectadores non avisados son o verdadeiro suxeito das súas propostas, que suscitan algunhas cuestións sobre as condicións de visibilidade e de publicidade da arte.

Esta intervención foi presentada polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, nun acto que tamén contou coa presenza do artista, André Guede, e do comisario da mostra, Pablo Fanego.

Compartir: