ALCALDÍA

O alcalde recibiu ao matemático Michael F. Atiyah

10/11/2006 A Casa do Concello recibiu unha ilustre visita, a de Sir Michael F. Atiyah, probablemente o matemático vivo máis importante do mundo. O alcalde Sánchez Bugallo recibiuno e convidouno a asinar no Libro de Ouro do Concello.

Michael F. Atiyah está en Compostela para participar no programa Conciencia, promovido polo Consorcio de Santiago. A súa elección fíxose en base á capital significación da cidade de Santiago de Compostela no ámbito mundial da matemática, ao acoller este verán a asemblea anual da International Mathematical Union, órgano máximo desa comunidade científica.

Non incluídas nos Nobel, as matemáticas teñen como máximo galardón a Medalla Fields, que se outorga dende 1936. Entrégase cada catro anos e só pode ser concedido a persoas maiores de 40 anos. O profesor da Universidade de Edimburgo Michael F. Atiyah recibiuno en 1966 "polo seu traballo na teoría-K; por demostrar xunto a Isadore Singer o teorema do índice de operadores elípticos en múltiples complexos; e polo seu traballo para demostrar un teorema de punto fixo relacionado coa fórmula Lefschetz". O desenvolvemento da matemática dende entón está en débeda con el.

Atiyah é o construtor de sólidas pontes entre a matemática e a física. Por ese motivo recibiu o Premio Abel, en concreto "polo descubrimento e proba do teorema do índice, vencellando topoloxía, xeometría e análise, e ou seu destacado papel na construción de novas pontes entre a matemática e a física teórica". Hoxe, con 77 anos, continúa en liña de vangarda da física teórica e da matemática, con artigos de referencia obrigada na chamada teoría de cordas publicados nos últimos catro anos.

O paso por Compostela deste matemático inclúe un encontro con matemáticos e físicos e unha conferencia titulada "Mathematics: Invention or discovery?".

Compartir: