PROMOCIÓN ECONÓMICA

Empresarios e USC afianzan os seus lazos grazas á Rede de Cooperación Local

09/11/2006 A terceira fase do proxecto da Rede de Cooperación Local permitirá aos investigadores da Universidade de Santiago (USC) coñecer polo miúdo o tecido empresarial compostelán. Para iso, a Concellaría de Promoción Económica organizou unha serie de visitas a empresas punteiras da cidade, conferencias e unha rolda de traballo na que se establecerán as conclusións desta cobizosas iniciativa.

A Rede de Cooperación Local creouse co fin de propiciar a colaboración e a cooperación entre os empresarios, a USC e as institucións. Nunha primeira fase detectáronse os sectores considerados estratéxicos, para nunha segunda realizar os encontros entre empresarios e Universidade, que permitiu aos primeiros coñecer o traballo investigador da institución académica. Esta fase incluíu tamén dous cursos formativos. Agora, chega a terceira etapa, na que serán os investigadores os que visiten as empresas compostelás.

Tal como indicou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, "trátase de que os investigadores poidan coñecer cales son as bases que sosteñen o tecido empresarial da cidade". Na mesma liña pronunciouse o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Manuel Caeiro, quen se amosou "orgulloso das nosas empresas" malia que, dixo, "aínda queda moito camiño por percorrer".

Pola súa parte, o reitor da USC, Senén Barro, indicou que esta iniciativa supón "un salto cualitativo no coñecemento mutuo e, a través deste, xérase confianza e acentúase a vontade dunha maior colaboración". Finalmente, Andrés Cuns, en representación de Caixa Galicia, entidade que financia o proxecto, resalto que "a Rede de Cooperación local é o mellor exemplo de como deben funcionar este tipo de redes".

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, para presentar as actividades da Rede de Cooperación Local. Na rolda tamén estarán o reitor da USC, Senén Barro, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Manuel Caeiro.

O primeiro grupo de actividades desta terceira fase terá lugar o mércores 15, cunha visita á planta de produción e oficinas centrais da empresa FINSA e unha recepción na sede da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre.

Compartir: