MEDIO AMBIENTE

Os veciños do Ensanche toman conciencia sobre a separación do lixo a través de visitas a SOGAMA

09/11/2006 O Concello de Santiago colabora cun novidoso Programa de acción ambiental que vén de por en marcha a Fundación Santiago-Centro. O seu obxectivo é concienciar aos veciños do Ensanche sobre diversos aspectos relacionados coa protección do seu contorno. A primeira etapa deste proxecto centrase na separación dos residuos sólidos urbanos.

Para incidir neste proceso, estanse organizando visitas de escolares e amas de casa á planta da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA), en Cerceda. Ata o momento realizáronse cinco visitas, nas que participaron 200 persoas. O obxectivo é chegar a nove viaxes, segundo anunciou o presidente de Santiago-Centro, José Manuel Fernández.

As visitas están sendo un éxito e están permitindo á xente coñecer polo miúdo o proceso do tratamento dos residuos. Deste xeito, preténdese que os usuarios saiban o que sucede co seu lixo e así tomen conciencia da necesidade de facer a separación nos fogares. Se ben a iniciativa se centrou en principio en escolares e amas de casa, a meta é que se estenda a outros colectivos, coma os comerciantes.

O presidente de SOGAMA, José Álvarez, resaltou a importancia deste tipo de iniciativas, que se circunscriben no ámbito da colaboración entre o Concello de Santiago e a esta entidade, plasmada nun convenio asinado no mes de marzo. Nesta liña está a intención de crear unha aula de educación ambiental na planta de transferencia de residuos da cidade.

Pola súa parte, a concelleira de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano, destacou o carácter "pioneiro e cobizoso" desta iniciativa, que incide nos esforzos para lograr un maior grao de sensibilización cara este tema do tratamento dos residuos.

Despois desta primeira fase, a intención da Fundación Santiago-Centro é poñer en marcha outras, contempladas neste proxecto global de acción ambiental. Así, hai previstas accións en materia como a educación vial, a redución do tráfico e dos ruídos, a educación ambiental, o aforro enerxético ou a utilización de enerxías renovables.

Compartir: