TURISMO

A campaña "Vivir Compostela" conclúe con máis de 3.200 participantes

08/11/2006 A campaña municipal de sensibilización fronte ao turismo chegou no mes da súa reedición a máis de 3.000 participantes e converterase en programa anual a partir de outono do 2007.

Como peche do Plan de Excelencia Turística desenvolvido entre 2001 e 2005 para converter a Compostela nunha capital turística de primeira orde, o Concello de Santiago decidiu reeditar no mes de outubro a campaña "Vivir Compostela", deseñada para permitir aos cidadáns o achegamento ao turismo na cidade.

O obxecto da campaña de sensibilización turística é permitir á poboación achegarse a súa cidade con ollos de visitante, como unha maneira de tomar conciencia fronte á importancia do feito turístico para a economía e a vida cotiá de Compostela.

Trala primeira edición do ano 2003, que motivou en seis meses a uns 16.000 composteláns, Turismo de Santiago decidiu reeditar a campaña no 2006, facéndoa coincidir co Día Internacional do Turismo (27 de setembro) e co I Foro Profesional de Turismo Cultural e Urbano.

Rutas pola cidade e excursións

Durante outubro, a campaña ofreceu aínda máis actividades que na súa primeira edición, grazas a que Turismo de Santiago puxo en marcha novos servizos turísticos en Compostela, como rutas guiadas e excursións, que probaron ser tamén alternativas para o tempo de lecer da poboación local.

En total, rexistráronse 131 visitas, que supuxeron a participación de 3.201 cidadáns, entre eles particulares, familias, grupos escolares, centros socioculturais, asociacións de veciños, asociacións de mulleres, grupos profesionais e empresas.

Entre as actividades ofrecidas, as máis populares resultaron a visitas ás cubertas da Catedral (514 visitantes), as visitas didácticas ao casco histórico e ao tren turístico (595 e 513 participantes), os percorridos guiados pola cidade (325) e a nova ruta polos conventos de clausura (225). Tamén foron moi solicitadas a excursión de Compostela Visión aos Canóns do Sil (275 persoas), a excursión a Fisterra (250) e a visita ao patrimonio universitario (175).

O concelleiro de Turismo, Francisco Candela, anunciou que se traballará para consolidar a edición anual da campaña "Vivir Compostela" como programa de continuidade, polo seu valor para a sensibilización da poboación e para a comprensión da actividade turística da cidade.

Compartir: