POLÍTICAS SOCIAIS

O programa "Compostela Convive" dotará de recursos para a busca activa de emprego a persoas con especiais dificultades

08/09/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou acompañada do presidente da Plataforma polo Emprego, Miguel Fernández, o programa Compostela Convive, desenvolvido dende o Concello de Santiago e a devandita asociación. O obxectivo desta iniciativa é dotar de recursos na busca activa de emprego a persoas con especial necesidade, como poboación en risco de exclusión social ou inmigrante. A primeira actividade do programa será un Festival Intercultural, que se celebrará este domingo na Alameda e cuxos detalles explicou Miriam Silva, unha das organizadoras.

O programa inclúe un total de catro actividades "que teñen como obxectivo formar, tanto a nivel individual como colectivo, na busca activa de emprego". Para iso, engadiu a concelleira, "tomamos como referencia as conclusións da Plataforma polo Emprego, composta por asociacións e entidades de carácter social que traballan para buscar fórmulas dirixidas a mellorar a inserción e a integración sociolaboral de persoas e colectivos en risco de exclusión social".

Compostela Convive comezará este domingo 11 de setembro coa celebración do Festival Intercultural Alameda de Santiago. Dende as 12:00 e ata as 20:00 horas celebraranse diversas actividades dirixidas a fomentar a interculturalidade e a integración das persoas inmigrantes no concello de Santiago. Haberá degustación de comidas típicas de República Dominicana, Paraguai, Colombia, Ecuador, Perú, Venezuela, Senegal, Galicia, etc. E pola tarde, a partir das 16:00 horas, bailes típicos, música en vivo e outras actividades culturais.

Máis propostas
Compostela Convive continuará con máis actividades no que queda de ano 2016. Haberá titorías personalizadas para o apoio na busca de emprego, dirixidas a persoas desempregadas, en especial, á poboación inmigrante. O persoal técnico do programa asesorará sobre a elaboración do curriculum vitae, mellora das habilidades sociais, orientación sobre os empregos preferentes aos que se pode optar segundo perfil…

Tamén haberá 35 horas de formación grupal en iniciación á informática básica e outras 35 de formación en habilidades sociais para a busca de emprego. Así, as persoas beneficiarias dotaranse de recursos e habilidades sociais básicas. A primeira actividade irá do 15 ao 23 de setembro no Centro Sociocultural de Vite, de 9:00 a 14:00 horas, e a segunda está prevista para o mes de novembro, con data aínda por concretar.

Compartir: