EDUCACIÓN

As sesións de dinamización educativa chegan á escola de O Rial-Laraño

08/11/2006 Tralo paso pola escola de O Gaioso-Eixo, as sesións de dinamización educativa nas escolas rurais chegan o xoves 9 de novembro á de O Rial-Laraño. Asistirán os escolares deste centro e os da Peregrina e Feáns-Villestro.

Esta iniciativa ten como obxectivo potenciar o gusto pola lectura e inculcar hábitos lectores entre os escolares das parroquias rurais de Compostela, xa que, en principio, non teñen tanta facilidade para acceder ás propostas semellantes de bibliotecas e centros socioculturais da cidade.

As sesións lúdico-didácticas constan dunha representación do programa teatral e de animación á lectura "10 anos de ratos e contos", da compañía Trinke-Trinke. Ademais, realízanse actividades de animación sociocultural e á lectura, e os nenos reciben un agasallo en forma de contos adaptados ás súas idades.

O programa volverá á escola de O Rial o 30 de novembro. Un día antes, as sesións terán lugar de novo en O Gaioso, a donde acudirán tamén os rapaces de A Susana e de Sisto (Marrozos).

Compartir: