CULTURA

A fonte da Praza de Fonseca recibe 10.000 moedas nunha nova intervención de "A cidade interpretada"

08/11/2006 Comeza a segunda fase da exposición "A cidade interpretada". Faino coa presentación da obra do artista eslovaco Román Ondák "Lucky day" (Día de sorte). O acto consistiu en arroxar 10.000 moedas na fonte da Praza de Fonseca.

En "Lucky day", Ondák solicitou unha cantidade simbólica para a produción da súa peza de arte pública, que cambiou no seu país por moeda eslovaca. Co cambio, realizado nun minucioso proceso de emisión de facturas por valor dun euro, obtivéronse as moedas que agora están na fonte.

Eslovaquia atópase entre os últimos países que se incorporaron á Unión Europea, aínda que non adoptará o euro ata que cumpra os criterios de converxencia. E Compostela é un dos símbolos das construción dunha idea centenaria de Europa baseada na unión cultural e espiritual dos pobos occidentais. Dende esta perspectiva, a intervención de Ondák pode interpretarse como unha reflexión sobre a Europa de dúas velocidades.

A sorte é un concepto temporal. Por iso, os traballos de Román Ondak tocan parcelas da historia e da realidade cultural mediante a temporalidade inmanente das vidas individuais.

Ademais da obra de Ondák, nesta segunda fase de "A cidade interpretada" poderán verse as de André Guedes, nas prazas do Obradoiro e de Mazarelos, e de Hans Schabus, no Paseo da Ferradura.

Compartir: