CONSORCIO

O violinista Daniel Hope acompaña á Real Filharmonía con obras de Falla, Hallfter e Bernstein

07/11/2006 O prestixioso violinista británico Daniel Hope acompañará á Real Filarmonía de Galicia nun concerto que repasará "Fuego Fatuo", unha das obras máis recoñecidas de Manuel de Falla. O repertorio do xoves 9 complétase coa "Obertura festiva", de Rodolfo Halffter, e unha serenata de Leonard Bernstein.

Daniel Hope é considerado un dos violinistas máis virtuosos, tanto pola súa creatividade como pola súa vitalidade musical. Con tan só dez anos de idade foi presentado nun concerto para a televisión británica, xunto co contrabaixista Guy Carr. Son moi aplaudidas as súas arriscadas inmersións na música contemporánea, e compaxina a súa faceta de músico coa de guionista ou presentador de televisión.

No 2004 gravou os "Concerti" de Berg e Britten, traballo polo que recibiu o galardón Classical Brit Award, en Inglaterra, e os Deutsche Schallplattenpreis e Echo Klassik Prize, en Alemaña. Foi alumno da Highgate School de Londres, e entre 1992 e 1998 estudou co pedagogo ruso Zakhar Bron, ademais de graduarse, en 1996, na Royal Academy of Music de Londres, coas distincións DipRAM e ARAM.

Un repertorio centrado no século XX

Antoni Ros Marbá dirixe á Real Filharmonía na interpretación do "Fuego Fatuo", de Falla, unha peza sobre encantamentos xitanos e feitizos de amor composta en 1915. O propio Ros Marbá fora o encargado de adaptala en forma de suite de concerto, en 1976, co gallo do centenario do nacemento de Falla, xa que este non fora quen de rematala. Pola súa banda, o compositor madrileño Rodolfo Halffter estará representado coa "Obertura festiva", composta en 1952, e Leonard Bernstein coa súa "Serenade", de 1954. Bernstein foi compositor de comedias musicais tan importantes como "West side story" ou "On the town".

Compartir: