BENESTAR SOCIAL

O alcalde inaugura o curso das Aulas da Terceira Idade de Santiago

06/11/2006 O alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo asistiu á inauguración do curso 2006/07 das Aulas da terceira Idade de Santiago. Ao acto asistiron tamén a Secretaria Xeral do Benestar, Mª Xesús Lago Vilaboa, e a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira.

As Aulas da terceira Idade veñen desenvolvéndose en Santiago dende hai 29 anos e están organizadas pola Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos. As actividades do curso teñen como obxectivo formar e ocupar a aquelas persoas maiores de 50 anos que estean interesadas en adquirir coñecementos dentro das diferentes áreas que se ofertan.

Por unha banda, dentro da área ocupacional están os talleres de memoria, debuxo e pintura, traballos manuais, música e informática. Na área cultural é posible apuntarse a clases de arte, de literatura e de contextos. Por último, no campo da saúde e o benestar ofértanse clases de ximnasia, ioga, taichi, pilates e danza-terapia.

Este curso 2006-07 vai dar comezo con 200 alumnos e alumnas inscritos. A matrícula está aberta permanentemente. As clases impártense na rúa Virxe da Cerca 31, 2º en horario de 10 a 13 horas pola mañá, e de 16:30 a 20:30 pola tarde. Os interesados teñen á súa disposición a páxina web www.ategal.es para resolver dúbidas ou facer consultas.

Compartir: