CULTURA

A estatua de Montero Ríos trasládase durante dous días á Praza do Obradoiro

06/11/2006 Co fin de realizar a intervención do artista portugués André Guede, o marco da iniciativa "A cidade interpretada", a estatua de Montero Ríos mudará temporalmente a súa ubicación. Durante dous días, o monumento desprazarase dende a Praza de Mazarelos á do Obradoiro, onde será fotografada.

A operación realizarase baixo o seguimento dos técnicos conservadores e restauradores e a estatua estará permanentemente vixiada. Un seguro cubrirá este traslado, que será aproveitado para realizar tarefas de limpeza neste monumento e no seu pedestal.

A estatua en bronce de Montero Ríos é obra do valenciano Mariano Benlliure y Gil e data de 1916, dous anos despois do falecemento do homenaxeado. Trátase dunha obra na que se plasma a facilidade descritiva e a elegancia do escultor, que aquí reflicte o sentimento e a psicoloxía do representado. A escultura está nun óptimo estado de conservación, sen alteracións relevantes máis alá das do paso do tempo.

Compartir: