BENESTAR SOCIAL

O Concello cede temporalmente dúas vivendas á asociación ASPAS

06/11/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS), Marcelo de la Cruz Luzón, asinaron un contrato no Pazo de Raxoi polo cal o Concello cede dúas vivendas de xeito temporal.

Os pisos emprázanse no polígono de Fontiñas e ámbolos dous están suxeitos ao programa de Acollemento Temporal de Vivendas Municipais. A través do devandito programa, o Concello cede de forma temporal o uso das vivendas, co fin de facilitar a inserción social e a vida independente de persoas con discapacidade intelectual.

ASPAS, entidade que desenvolve o proxecto, para o cal aprobou a Xunta de Goberno Local do pasado 26 de xuño a concesión do uso das vivendas, solicitou a cesión temporal das mesmas. A vixencia deste contrato prevese por un ano, podendo ser prorrogado por acordo expreso por períodos anuais e ata un prazo máximo de 4 anos.

Trátase dun proxecto novidoso, que se realiza por primeira vez, e que se enmarca dentro das políticas de promoción da independencia e da igualdade que leva a cabo o Concello de Santiago, a través da súa concellería de Servizo Sociais. Con esta cesión de pisos, a entidade municipal busca facer máis sinxelo o acceso a unha vivenda a colectivos con dificultades, neste caso as persoas con discapacidade intelectual.

Compartir: