RELACIÓNS VECIÑAIS

Os veciños debaterán sobre o modelo de cidade

06/11/2006 O urbanismo e o modelo de cidade son os tema sobre os que versará a cuarta edición das Xornadas do Asociacionismo Veciñal de Compostela. A cita é do 23 ao 25 de novembro no Centro Sociocultural das Fontiñas.

As xornadas analizarán este ano o papel que pode desenvolver o tecido veciñal e as asociacións en xeral na construción do modelo de cidade. As inscricións poden realizarse ata o luns 20 de novembro e débese confirmar a asistencia ao xantar de confraternización, que ten un custo de cinco euros por persoa.

O programa ten un cariz formativo. Así o primeiro día xirará en torno á "Transparencia democrática e a xestión participativa", mentres que o segundo ocuparase da "Xestión de subvencións e captación de fondos". Ese mesmo día 24, haberá unha mesa redonda, na que se reflexionará sobre o modelo de cidade de Compostela. Alí presentaranse as experiencias desenvolvidas polo Plan Comunitario de Trinitat Nova (Barcelona) e polo tecido asociativo de Getafe (Madrid) no ámbito do urbanismo.

A última xornada centrarase no "Réxime fiscal e contable das asociacións" e contará tamén con obradoiros de traballo sobre urbanismo e participación veciñal. En particular, realizarase un traballo conxunto para a identificación das prioridades de actuación veciñal no ámbito do urbanismo.

O evento está aberto a os veciños, pero tamén a outros colectivos. "As xornadas naceron como un foro de reflexión do movemento veciñal, pero fóronse abrindo a todas aquelas entidades que fan o seu labor en ámbitos concretos", lembrou o concelleiro de Relacións Veciñais, Manuel Portas, na presentación do encontro. No Concello hai inscritas unhas 460 entidades asociativas sen ánimo de lucro.

Compartir: