EDUCACIÓN

Santiago contará con cinco escolas infantís en 2008

03/11/2006 A Escola Infantil de Fontiñas, a segunda de titularidade municipal, bota a andar o luns 6. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, salientou a gran satisfacción do Concello na inauguración do centro, e lembrou que xa se está a traballar para que Santiago conte con catro centros máis deste tipo para 2008.

Ao centro de Conxo, o primeiro de titularidade municipal, súmase agora o de Fontiñas. Na súa inauguración, o alcalde compostelán lembrou a importancia da posta en marcha desta escola para nenos de cero a tres anos, e salientou que en 2008 Santiago contará cun total de cinco centros destas características. Nos próximos días colocarase a primeira pedra da terceira escola infantil, a de San Roque, e en vindeiros meses, o Concello acometerá a construción da cuarta e da quinta, que se situarán respectivamente no novo parque empresarial de Boisaca, integrada no polígono industrial do Tambre, e no parque da Constitución, cara o Ensanche compostelán.

Sánchez Bugallo fixo fincapé en que "con estas cinco escolas infantís, a cidade comezará a ter unha oferta educativa neste ámbito de cero a tres anos adecuada ás necesidades é á súa realidade", e agradeceu a colaboración que nesta empresa está a prestar a Vicepresidencia para a Igualdade e o Benestar.

Na súa intervención, o rexedor compostelán resaltou a ubicación desta nova escola infantil, no barrio de Fontiñas. "Xa tiñamos nel un centro de primaria, dous de secundaria, un centro de saúde, un sociocultural e dentro de poucos meses inaugurarase a primeira ludoteca municipal a carón desta escola infantil. Con todas estas actuacións consolídase, vaise rematando un barrio que queremos que sexa de referencia en Santiago, Galicia e toda España", salientou.

Tanto Xosé A. Sánchez Bugallo como a concelleira Elvira Cienfuegos, fixeron fincapé na importancia deste tipo de centros á hora de facilitar a conciliación entre a vida familiar e a laboral e para que a igualdade sexa real. Neste senso, a edil responsable de Educación referiuse ao amplo horario de apertura da escola, de 7.30 da mañá ata as 9.00 da noite, pensado coa fin de facer o máis flexible posible a súa utilización. O rexedor compostelán salientou, así mesmo, a importancia destas escolas "para que os nenos e nenas poidan empezar antes o seu ciclo formativo e poidan facelo a través da rede de Galescolas, integrándose dentro dun ambiente de normalización lingüística, que cremos que é fundamental se queremos asegurar a pervivencia do noso idioma no futuro".

Para 61 alumnos

Na construción da nova Escola Municipal de Fontiñas investíronse 574.661,42 euros, achegados entre o Concello de Santiago de Compostela e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través dun convenio. A escola sitúase na confluencia das rúas Fontes de Sar e Londres, fronte á EGAP e o IES Antón Fraguas. Ten capacidade para 61 alumnos e alumnas en xornada completa, distribuídos en catro unidades: unha para nenos/as menores dun ano: (8 prazas), unha para nenos/ de dun a dous anos (13 prazas) e dúas para nenos de dous a tres anos (40 prazas). A capacidade da escola pódese incrementar en función do número de demandas existentes a tempo parcial.

Compartir: