REHABILITACIÓN E CASCO HISTÓRICO

A Comisión do Casco Histórico aproba a rehabilitación da capela do Hostal dos Reis Católicos

02/11/2006 Tamén obtiveron o visto e prace as obras de rehabilitación para a ala sur da catedral e a segunda fase de restauración do Paseo da Alameda.

Na xuntanza que mantiveron esta tarde os membros da Comisión Asesora da Cidade Histórica aprobáronse varios proxectos de rehabilitación de edificios declarados Ben de Interese Cultural, ademais da segunda fase das obras de reurbanización no paseo da Alameda.

A Capela gótica do Hostal dos Reis Católicos foi un dos proxectos aprobados. As obras de restauración acometerán a consolidación das pilastras, que presentan un importante nivel de deterioro. Tamén está previsto levar a cabo o saneamento do pavimento e atallar as humidades e gretas da zona do cruceiro da capela.

Durante a reunión tamén se deu o visto e prace á mellora da ala sur do claustro da Catedral, a máis próxima a Platerías, e a obras menores de restauración no Instituto Padre Sarmiento.

Ademais seguirase adiante coa rehabilitación iniciada na Alameda, trala aprobación oficial nesta xuntanza da segunda fase das obras de reurbanización que está levando a cabo o Consorcio. Nesta ocasión, os traballos centraranse nas esculturas do busto de Pedro Pais Lapido, a Leiteira de Asorey, a Portada do Paseo da Ferradura cos leóns da antiga Fábrica de Sargadelos, o palco da música, e as escalinatas e o miradoiro da Ferradura. En total o Consorcio destinará a estas obras unha inversión de 4,5 millóns de euros.

Tamén se aprobaronse proxectos de restauración para o convento de Belvís, a escalinata de acceso á igrexa da Virxe do Portal, dentro do mesmo recinto, e o convento de Santa Clara, todas a cargo do Consorcio.

Por último, no que atinxe á rehabilitación de vivendas particulares, aprobáronse unha ducia de obras maiores de rehabilitación integral.

Segundo a concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, ‘a aprobación destes proxectos de execución inmediata, pon de manifesto que o Concello está traballando a un ritmo importante na rehabilitación, tanto no que se refire a zonas e edificios emblemáticos da cidade, como á restauración de vivendas particulares’.

Compartir: