CENTROS SOCIOCULTURAIS

Un grupo de exposicións itinerantes invita aos composteláns a coñecer a historia dos seus barrios

02/11/2006 O venres 3 de novembro, ás 20.00 horas, inaugúrase no Centro Sociocultural da Trisca a exposición "A historia vai por barrios", un proxecto que a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, define como "un dos máis cobizosos" da rede centros dende o seu funcionamento. A primeira das exposicións dará a coñecer a historia do barrio de San Pedro, pero logo virán os de Villestro, Vite, Enfesta, A Rocha e o Ensanche. A mostra comezará no barrio implicado, pero logo pasará polo resto de centros participantes nesta iniciativa.

Este proxecto, que nace con "vocación de continuidade" -sinalou Mercedes Rosón-, é froito dun rigoroso traballo. Nesta primeira exposición, a concelleira quixo destacar o labor de todos os colectivos do barrio de San Pedro, que achegaron o seu esforzo e a súa documentación para a mostra. Segundo apuntou unha das coordinadoras do proxecto, Mercedes Vázquez, a exposición pretende que "a xente coñeza os barrios nos que vive e que o resto dos composteláns coñeza a historia da cidade". Pero a iniciativa vai moito máis alá dunha exposición, xa que está acompañada dunha ampla gama de actividades, destinadas a "fomentar a participación dos veciños, que son os principais protagonistas", destacou outra das coordinadoras, Mar Bóveda. Nos vindeiros meses iranse poñendo en marcha as mostras dos outros cinco barrios.

"A historia vai por barrios" é un proxecto de intervención social que fai da historia de cada barrio o instrumento básico dunha serie de actividades de animación sociocultural. O seu obxectivo é, ademais de permitir o coñecemento dos barrios, desenvolver unha maior sensibilidade da cidadanía respecto ao patrimonio material e inmaterial que herdou. Tamén pretende contribuír a dinamizar os centros socioculturais e a propia relación entre veciños.

O proxecto concrétase nunha serie de actividades, da que unha delas é a exposición sobre a historia de cada barrio. Cada un terá a súa mostra, que se centrará nos aspectos máis significativos do seu pasado. Os contidos fuxirán do anecdótico e dos datos para buscar a comprensión do proceso histórico de cada zona. Serán montaxes sinxelas, pero modernas e dinámicas, tentando combinar o tradicional e o contemporáneo. As mostras serán itinerantes e circularán por todos os barrios que participan no proxecto. A cidadanía terá ao final unha idea global da historia da cidade, pero cunha perspectiva totalmente diferente á tradicional, procedente dos ámbitos académicos.

Revisión dos arquivos da cidade

A busca de información histórica fíxose revisando os arquivos da cidade. Consultáronse documentos dos arquivos municipal (tanto nos fondos depositados no Arquivo Histórico Universitario, como o arquivo máis recente que está en Raxoi), eclesiásticos (diocesano e catedralicio), así como documentos e antigas publicacións custodiadas, sobre todo, na Biblioteca da Universidade. Para tempos máis recentes, as achegas da prensa e, sobre todo, dos veciños e veciñas -que relatan as súas experiencias persoais ou que lles foron transmitidas- son fundamentais.

As imaxes foron elixidas non só polo seu valor histórico senón, e sobre todo, pola súa capacidade para amosar o pasado. No arquivo municipal, no Museo do Pobo Galego, e nas coleccións fotográficas de veciñas e veciños hai interesantísimas instantáneas de gran valor para explicar e comprender os tempos máis recentes. Precisamente buscando esa comprensibilidade, engadíronse ilustracións alleas, que servirán para apoiar os textos.

Cada mostra propón un esquema máis ou menos semellante -aínda que a amplitude da montaxe pode chegar a ser variable en función da dispoñibilidade de espazos-: desenvolvemento histórico do barrio e as súas xentes; temas concretos e puntuais que son máis interesantes pola súa importancia histórica, por ser típicos da zona, etc.; e, finalmente, unha serie de pequenas anotacións que completan ou amplían temas moi coñecidos ou xa tratados na exposición.

Actividades de animación

A exposición irá acompañada de actividades de animación, para todos os públicos e para todos os gustos. Nelas ponse especial énfase en propiciar o encontro entre distintas xeracións, así como entre antigos veciños e recén chegados. Unha parte importante das actividades será específica para cada centro, xa que é vital adaptarse á realidade de cada barrio. O programa concreto será froito da colaboración dos diferentes axentes sociais presentes en cada barrio (asociacións, institucións e CSC).

Compartir: