PROMOCIÓN ECONÓMICA

Tres empresas creadas a partir do proxecto Equal Compostela Social comezan a súa actividade

02/11/2006 O proxecto Equal Compostela Social segue xerando novas empresas, nacidas a partir da iniciativa dos seus participantes. Cando queda un ano para o remate do proxecto, son xa 17 as empresas que xa comezaron a súa actividade ou están a piques de facelo, e outras dez atópanse en fase de constitución. Para os próximos días está prevista a inauguración de tres novos proxectos empresariais, todos eles promovidos por mulleres.

O venres 3 de novembro celebra a súa inauguración Seiva, un centro de tratamento da linguaxe, a aprendizaxe e a psicomotricidade. Trátase da iniciativa de dúas pedagogas que buscan así cubrir un espazo, o da estimulación na infancia, fortemente demandado como complemento á formación escolar. O local está situado na rúa Diego Peláez, na zona de Vista Alegre, aínda que a actividade do gabinete desprazarase a aqueles centros ou institucións que contraten os seus servizos.

O xoves 9 comeza oficialmente a súa actividade o estudo de fotografía de Rosa Taboada, situado na Algalia de Arriba, en plena zona monumental. Traballos como reportaxes fotográficas, retratos de estudo, fotografía publicitaria ou impresión de imaxes sobre diferentes soportes definen a actividade desta emprendedora. Outros servizos, coma revelado, retoque dixital, venda de álbumes e enmarcado de fotografías completan a oferta do estudo.

Finalmente, o 10 de novembro bota a andar a lencería Corselêtte, unha tenda de roupa interior masculina e feminina, que completa a súa oferta de produtos con roupa de baño, pixamas, medias e prendas infantís e de bebé. O establecemento está situado na rúa García Prieto, no barrio de Conxo.

O proxecto Equal Compostela Social botou a andar en xuño do ano pasado, e neste tempo xa se consolidaron 17 empresas creadas polos seus participantes, mulleres na súa práctica totalidade. Outras 10 empresas están en proceso de formación, e o obxectivo é chegar a novembro de 2007, data de finalización do proxecto, con 50 empresas creadas.

Equal Compostela Social é un proxecto comunitario que busca a creación de iniciativas de autoemprego por parte dos seus usuarios. O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, lidera a súa execución, na que tamén participan o resto de Concellos da comarca de Compostela e outras entidades e organismos da cidade vinculados ao ámbito laboral.

Compartir: