CULTURA

Cineuropa premia a traxectoria do compositor Stephen Warbeck

02/11/2006 O festival Cineuropa comeza cun concerto inaugural no Auditorio de Galicia. Nel, a Real Filharmonía interpreta cinco pezas musicais protagonistas de bandas sonoras, entre elas dúas compostas por Stephen Warbeck, as de Shakespeare in love e Billy Elliot. Neste mesmo acto entregaráselle un dos premios de Cineuropa deste ano ao compositor Stephen Warbeck, gañador dun Oscar pola banda sonora do filme Shakespeare in love, que tamén foi nominada para os premios Grammy.

O propio Stephen Warbeck, acompañado do concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e do director do festival, José Luís Losa, agradeceu o premio, do que dixo que facía sentir que "tiña un compromiso con cine europeo". Afirmou que para el é "unha honra" recoller un galardón por un traballo que "representa o traballo da industria europea".

O compositor británico aproveitou para falar do seu traballo na creación de música para filmes. Segundo dixo, é diferente en cada película, porque nalgunhas compón mesmo antes de que se empece a rodar, mentres que noutras xa traballa sobre as imaxes. No primeiro dos casos, a súa inspiración vén unicamente das conversas co director e do guión; no outro, as imaxes son unha referencia. A súa preferencia é compoñer antes, "porque a música tense en conta á hora de facer a montaxe".

O programa musical interpretado pola Real Filharmonía componse da Sinfonía nº 25 de Mozart; do Adagietto de Mahler; de Gazza Ladra, de Rossini; e das composicións feitas por Warbeck para "Shakespeare in Love" e para "Billy Elliot".

Unha vida adicada á música no cine

O compositor británico Steven Warbeck empezou a compoñer profesionalmente para cine e televisión nos anos 90. Entre os seus principais éxitos atópanse as bandas sonoras das películas "Mrs Brown", "Mystery Meen", "Quills", "Billy Elliot", "A Mandolina do Capitán Corelli" e "Skakespeare in Love", pola que recibiu un Óscar. Tamén escribe para a radio e é cofundador do grupo The Kippers. Na actualidade segue traballando para a Royal Shakespeare Company, da que é director de Música e Artista Asociado, e do Royal National Theatre, para as que compuxo a música de famosas produccións coma An Inspector Calls, obra que percorreu desde Broadway ata Tokio, Australia ou Viena.

Warbeck explica que a súa música funde influencias clásicas con estilos modernos coma o rock ou o jazz, e que en "Shakespeare in love" se inspirou no lado máis emotivo da relación entre o poeta e a súa namorada, Violet, para compoñer.

Nos últimos anos púxolle a música a "Déseo", do español Gerardo Vera no ano 2002; a "The Memory of a Killer", dirixida por Erik Van Loog e "DreamKeeper", de Steve Barron no 2003; a "Two Brothers", de Jean-Jacques Annaud e "Mickybo and me", de Terry Loane, no 2004. Os seus últimos traballos foron compoñer a música de "La verdad oculta", de Jhon Madden, o pasado ano e, xa neste ano a de "Killshot", de Hossein Amino e Cargo, de Clive Gordon.

Compartir: