CULTURA

A cultura compostelá trasládase a Santiago de Cuba

02/11/2006 No marco do irmandamento entre Santiago de Compostela e Santiago de Cuba, a Concellaría de Cultura celebra o programa "Os camiños de Santiago". Do 6 ao 14 de novembro, un amplo grupo de artistas composteláns ofrecerán unha mostra da nosa cultura na vila caribeña, no que será un auténtico "diálogo cultural", tal como o definiu o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, na presentación das actividades.

Durante oito días, estarán en Santiago de Cuba artistas Narf, Blanca Novoneyra, Patricia Blanco, Kike Otero, Mofa e Befa ou o colectivo Pistacatro, que ofrecerán o mellor do seu repertorio e darán a coñecer a cultura compostelá e galega. Este programa vén a continuar un xa habitual intercambio cultural entre Santiago de Cuba e Santiago de Compostela, logo de que en 2005 un grupo de artistas "santiagueros" trouxeran á nosa cidade o mellor da cultura cubana.

Os habitantes da vila cubana poderán contemplar e participar en concertos, espectáculos de danza, teatro, proxeccións audiovisuais, espectáculos circenses e obradoiros. A viaxe tamén inclúe outras actividades complementarias, como visitas á Escola de Instrutores de Arte, ao Centro Hospitalario Infantil Onda ou a lugares de interese histórico coma o Castelo do Morro.

Acompañaron a Néstor Rego na presentación destas actividades Carmen Morell, da Onda Cerebral do Peixe, promotora cultural do evento; Natalia Outeiro, "Pajarito", do colectivo Pistacatro; e Branca Novoneyra, que son algúns dos artistas que irán a Cuba a participar no evento.

Compartir: