INFRAESTRUTURAS

O campo da festa e o centro sociocultural de Enfesta estrean nova cara

01/11/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou o mércores 1 de novembro o novo campo da festa da parroquia de Enfesta, que ademais viu renovadas as instalacións do seu centro sociocultural.

As obras de acondicionamento do campo da festa de Enfesta consistiron, basicamente, na mellora das áreas de recepción da Igrexa e do cemiterio, ao tempo que se dotou á parroquia dun espazo exterior para usos diversos.

Unha pista de formigón axeitou o acceso ao adro, que a partir de agora conta tamén cun estacionamento para os vehículos. O acceso á igrexa e ao cemiterio desde o aparcamento faise a través dun camiño con lousas de formigón e, dende a estrada, o camiño é con lousas de granito que pasan ao lado do cruceiro e dividen tamén a zona de estancia da de xogos infantís. Nun lateral do recinto, fronte á fachada do cemiterio, plantáronse arbustos e enredadeiras.

No extremo sur fíxose unha pista que servirá para diversos usos, de xeito que se poida emprazar o camión da orquestra e usarse como pista de baile. Bancos, papeleiras, unha nova rede de alumeado, xogos infantís e, na pista deportiva, unha canastra e dúas porterías completan o mobiliario urbano do recinto. O orzamento total desta intervención foi aproximadamente de 47.600 euros.

Reforma do centro sociocultural

O centro sociocultural de San Cristovo de Enfesta loce tamén unha nova cara estes días. Emprazado no edificio da antiga Casa Consistorial de Enfesta, o centro conta con 180 metros cadrados nunha parcela de 1.300 metros de superficie. Ao ampliarse a estrada de Santiago a Coruña, a fachada do centro sufrira un lixeiro afundimento, polo que era necesaria a súa rehabilitación.

Trala intervención do departamento de Obras e Infraestruturas do Concello de Santiago, o contorno do centro conta cun aparcamento e unha nova área de estancia exterior. O axardinamento da área xoga tamén un papel importante, así como a colocación de mobiliario urbano (tres bancos, dúas mesas banco e dúas papeleiras), unha fonte, e unha nova rede de alumeado. O orzamento para a execución destas obras foi de 50.000 euros.

Compartir: