TRANSPORTES

De novo en funcionamento as escaleiras mecánicas da Estación de Autobuses

31/10/2006 O martes 31 de outubro comezan a funcionar as novas escaleiras mecánicas da Estación de Autobuses, despois dun longo período de inactividade, motivada pola imposibilidade de reparalas por non existir recambios. No novo mecanismo, facilitará o acceso da dársena á sala de espera e expedición de billetes, investíronse uns 306.000 euros.

Cada unha das escaleiras tivo un custo de 153.000 euros. Unha foi financiada pola Deputación da Coruña e a outra pola empresa municipal TUSSA, xestora da Estación de Autobuses. O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, comprobaron de primeira man o funcionamento do renovado sistema de transporte.

"Esta é a estación de Galicia que move máis viaxeiros ao ano, máis de dous millóns, e merecía estar á altura destes viaxeiros, polo que nestes últimos anos se fixo un importante esforzo de modernización, do que quedaba pendente a asignatura da escaleira", apuntou Sánchez Bugallo a propósito da estrea.

As escaleiras teñen os últimos avances en seguridade e funcionamento, ademais de ter un ancho especial, idóneo para utilizalas con maletas, como é habitual nesta instalación.

A esta novidade engadiranse nas vindeiras semanas outras, coa substitución de varios lucernarios no teito da planta intermedia da Estación, que permitirán a entrada de luz natural nos andéns. Este investimento, financiado polo Concello de Santiago, ascende ao 52.000 euros. "Despois disto quedará unha espléndida estación", sinalou o alcalde.

Cómpre lembrar que xa dende 2005 se veñen realizando diversas melloras na Estación, como renovación das consignas automáticas e do sistema de facturación, instalación de pantallas, obras de pintado e reparación, traballos de albanelería, sinalización de accesos, reparación de baños, instalación duns sistema de megafonía automática, colocación de cartelería ou renovación de xardineiras e reloxos ou incorporación dun cambiador para bebés, entre outras actuacións.

Compartir: