EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concellaría de Educación e Cidadanía recupera os premios "Educacompostela" seis anos despois da súa última edición

01/06/2016 O concelleiro de Educación, Manuel Dios, presentou esta mañá a IX edición dos premios Educacompostela, que o Departamento de Educación e Cidadanía e Nova Escola Galega recuperan despois de seis anos. Estes galardóns queren recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que, polo seu valor e interese, poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Os materiais didácticos poderán estar dirixidos aos diferentes niveis do ensino e poderán tratar sobre aqueles temas que o profesorado considere oportuno abordar no desenvolvemento do currículo nos seus centros educativos, ben sexa en educación infantil, primaria ou secundaria. Tamén se poderán presentar materiais elaborados e destinados para o contexto non formal e informal.

Haberá un total de tres premios: un de 1.200 euros, outro de 900 e outro de 600, sumando un total de 2.700 euros. Os materiais presentados deberán ser orixinais e inéditos, e estar elaborados e redactados en lingua galega. Non poderán participar aqueles traballos que foran premiados con anterioridade. Cada material ou conxunto de materiais terá que ir acompañado dun texto explicativo dun máximo de 15 páxinas que dea conta das súas características, estrutura, obxectivos, destinatarios/as, integración no currículo, proceso de elaboración, experimentación e avaliación.

Poderá participar individualmente ou en grupo quen teña producido materiais didácticos sobre os temas relacionados. Os orixinais para optar aos premios deberán rexistrarse ou entregarse no Rexistro Xeral do Concello de Santiago entre o 17 de xuño e o 16 de setembro.

O xurado estará composto polo concelleiro de Educación e Cidadanía, dous representantes de Nova Escola Galega, dous representantes do Departamento de Educación e Cidadanía, o director/a do Departamento de Didáctica da USC, un representante dos centros de formación e recursos de Galicia e un representante das editoriais.

Na presentación dos premios Educacompostela, o concelleiro Manuel Dios estivo acompañado de Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega; Jesús Rodríguez, director da Revista Galega de Educación; e Xosé M. Rodríguez-Abella, responsable do Departamento de Educación.

Documentos relacionados



Compartir: