URBANISMO

Sánchez Bugallo: "A política de solo industrial vai seguir sendo unha prioridade"

27/10/2006 Na súa habitual comparecencia ante os medios dos venres, para analizar a actualidade local, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo felicitouse pola aprobación definitiva da modificación do Plan parcial do Sunp-34 de Boisaca. Esta acordo adoptado polo Pleno permitirá por en marcha este polígono industrial, tras repararse os erros de medición do proxecto inicial redactado pola Sociedade Estatal de Promoción e Equipamento do Solo (SEPES).

Sánchez Bugallo lamentou o retraso deste solo e o prexuízo que causou a todos os empresarios que reservaran as súas parcelas, así coma o compromiso de por en marcha canto antes a edificación no mesmo. En calquera caso, o alcalde recordou que "a política de solo industrial vai seguir sendo unha prioridade" e, neste sentido, citou os 400.000 metros de superficie promovidos polo Concello e cuxa licitación se agarda sacar a primeiros de ano.

Outro dos solos industriais, o da Sionlla, está pendente de que a Consellería de Vivenda e Solo aprobe o seu plan de sectorización. A previsión do alcalde é que poida facelo antes de que remate 2006, unha vez rematado o período de exposición pública. No mesmo, o Concello presentou tres alegacións relativas á mellora do subministro de auga, á reforma da conexión que debe chegar á rotonda de San Marcos e da estrada de Amio, e á ampliación dunha peza situada entre o polígono e a vía do tren. Este solo contará con 1.400.000 metros cadrados.

Ademais, Sánchez Bugallo anunciou que en novembro se aprobará a constitución e os estatutos do consorcio que impulsará o Parque Científico e Tecnolóxico de Santiago de Compostela. A constitución de feito estímase para xaneiro de 2007.

Parque de Bombeiros, Cidade da Cultura e urbanismo

Na súa comparecencia, o alcalde tamén se referiu á comparecencia de Bernardino Rama ante o Pleno para explicar a paralización das obras do Parque Comarcal de Bombeiros. Apuntou que se trata dun "acto de normalidade, aínda que non sexa habitual". Ademais, asegurou que a oposición puido coñecer todo o expediente "algo que tamén debería ser normal, pero que no é o habitual noutros Concellos".

Respecto á Cidade da Cultura e á posible entrada de capital privado, considerouna "útil e necesaria". Neste sentido, indicou que "o Goberno galego está a realizar xestións esencialmente con empresas galegas, para garantir un compromiso máis alá do económico e estabilidade".

Finalmente, e preguntado polos últimos escándalos urbanísticos detectados en diversos municipios de España, Sánchez Bugallo fixo unha "chamada á responsabilidade das Comunidades Autónomas, que teñen todas as competencias en urbanismo e son as encargadas de aprobar os Plans de ordenación". Ao seu xuízo, o problema non se resolve sacándolle competencias aos concellos. Para o alcalde, "as cidades deben decidir o modelo que queren".

Compartir: