EDUCACIÓN

Unha mañá cos bombeiros de Santiago

15/04/2005 Corenta e oito nenos de educación primaria do Colexio A Milagrosa visitaron o venres 15 de abril o Parque de Bombeiros. Esta actividade insírese dentro do programa de visitas didácticas que organiza o Departamento de Educación os xoves e venres de cada semana.

Chegan ás 10.10 horas, aínda que a visita estaba programada para as 10.30. Os bombeiros están xa listos e parecen contentos, diríase que gostan desta faceta educativa que é amosarlles aos rapaces o seu traballo. Logo de atender ás explicacións previas ao percorrido polo parque e de ver a un bombeiro completamente equipado para saír –con bombona e todo-, os cativos van pasando por todas as dependencias do parque.

Entran na sala de equipos onde se cargan as bombonas -1.800 litros de aire para respirar equivalen a media hora ou corenta minutos de respiración axitada-, a sala de estar -con libros, televisión e conexión a Internet incluída- e a sala de entrenamentos –onde dous bombeiros amosan como se deslizan con destreza pola barra e pola corda-. Os rapaces sacan as súas conclusións sobre a demostración que acaban de ver: "As escaleiras están chupadas!", di un, "Non, o difícil é que están postas así, para os lados, entón...", respóndelle a mociña que o leva da man, "ssssshhhh!", mándalles calar outro que non quere perder detalle.

Aínda que os doce bombeiros que lles amosan o seu segundo fogar e o seu traballo son os seus heroes do día, hai un que é, sen dúbida a estrela. Chámase Félix e estudou no mesmo colexio ca eles. "Deuche don Pepe?" pregúntalle a un neno moi tímido, que non só se atreve a dicir que si coa cabeza. "Pois dille que non vos tire das orellas". As mestras que os acompañan encárganse de acrecentar a aureola de heroicidade que rodea este oficio: "Félix estudou tanto que chegou a bombeiro, a ver, cantos de aquí queredes ser bombeiros?" Aínda que a resposta positiva é maioritaria, non todas as mans se levantan. Do mesmo xeito que, aínda que lles gustaría, non todos se atreven a baixar pola cucaña. Nesta caste de parque de atraccións real, o que máis emoción suscita é esa barra metálica pola que baixan os bombeiros ao toque da serea.

Todo é novo, ruidoso e grande no Parque de Bombeiros. Os nenos entran na Central de Comunicacións, o lugar onde se reciben as chamadas do 080. Desde alí comunícase aos camións o estado dun accidente e trasnmítense as ordes para unha intervención. O bombeiro que explica ponse serio: "Estes días, con tanta chuvia, houbo máis accidentes. Tedes que dicirlle aos vosos papás que teñan coidado". As mestras fan fincapé na mensaxe: "dicídelles que vaian despaciño cando conduzan", o que suscita a protesta dos rapaces "o meu xa vai!", "e o meu!", "e o meu!", berran. Os bombeiros comentan que entre o 70 e o 80% das súas saídas débense a accidentes en carretera.

Chega agora o turno do simulacro. Polos altofalantes escóitase "Incendio en Amio. Casa número doce". Os rapaces emociónanse moito co ruido da serea. Tapan os oidos mortos da risa e aplauden. Logo chegará o seu turno para subir ao camión, remexer nos aparellos e rubir pola escaleira. Todo tan fantástico como agotador. Agora xa poden contar aos seus amigos que pasaron unha mañá cos bombeiros de Santiago, e os máis valentes, que baixaron pola cucaña.

Compartir: