URBANISMO

Máis solo industrial para Compostela

26/10/2006 Os tres grupos municipais aprobaron definitivamente a modificación puntual do Plan parcial do solo urbanizable programado número 34, en Boisaca, que permitirá ampliar o solo industrial contiguo ao Polígono do Tambre. Deste xeito impúlsase un solo que estivo longo tempo paralizado por unha formulación errónea no proxecto inicial por parte da Sociedade Estatal de Promoción e Equipamento do Solo (SEPES).

As modificacións permitiron solucionar problemas de medición, de delimitación da superficie das parcelas ou das alturas permitidas para as cubertas. Grazas a estes cambios producirase unha mellora das condicións de edificabilidade e facilitarase un mellor aproveitamento deste solo, que consta de algo máis de vinte hectáreas. Segundo indicou o concelleiro de Urbanismo, Luis Toxo, o proxecto agora "adecúase á realidade". O compromiso do Goberno municipal é de poñer en marcha este solo o antes posible e apurar no posible a concesión de licencias.

Este novo solo industrial, unido a outros como o da Costa Vella ou o de Formarís, permitirá incrementar sensiblemente a disponibilidade de terreos para as empresas e paliar a saturación que xa presenta o Polígono do Tambre.

Compartir: