ALCALDÍA

Martiño Noriega visita o Instituto Argentino-Gallego e o Centro Galicia en Bos Aires

22/04/2016 Martiño Noriega continuou esta mañá coa serie de visitas que complementan a participación de Santiago como cidade convidada na Feira do Libro de Bos Aires. O alcalde compostelán está a aproveitar a viaxe para tomar contacto coa comunidade galega residente na capital arxentina, encontrándose hoxe coa xunta directiva do Instituto Argentino-Gallego "Santiago Apóstol", así como con José María Vila Alén, presidente do Centro Galicia en Bos Aires.

Ambas institucións están intimamente ligadas e comparten localización no centro da urbe bonaerense. O alcalde aproveitou para "agradecer o enorme traballo que o asociacionismo galego ten feito na diáspora para manter a nosa identidade e os vínculos coa terra", aproveitando para "ofrecer toda a colaboración que sexa posible dende o Concello de Santiago para axudar a que se manteña a actividade do Instituto e do Centro".

Noriega asinou no Libro de Honra do "Santiago Apóstol" e percorreu as súas instalacións mesmo mantendo algunha conversa, en galego, co alumnado. O alcalde mostrou tamén a súa "preocupación polo perigo de que se perda a conexión con Galiza nas próximas xeracións de galegos-arxentinos" e "por iso insistiu na necesidade de manter as institucións galegas creadas en Arxentina e que dende os organismos galegos se lles brinde a debida atención".

Centro Galicia e Instituto Argentino-Gallego "Santiago Apóstol"
O Centro Galicia de Bos Aires é unha asociación civil sen ánimo de lucro, creada en 1979 froito da fusión dos catro centros provinciais existentes ata o momento. Segundo os seus estatutos, ten entre os seus obxectivos defender a idiosincrasia galega, ensinar os costumes de Galicia, ademais de organizar diferentes actividades culturais e deportivas. O conta con 10.300 asociados.

O Instituto Argentino-Gallego "Santiago Apóstol" empezou a funcionar en marzo de 1998 para atender a ampla demanda social da colectividade galega na capital arxentina. Desde entón, foi ampliando a súa oferta lectiva e hoxe abarca os niveis de infantil, primaria e secundaria. Ademais, dende 2003, o Instituto conta cun Departamento de Lingua e Literatura Galegas. Tamén ensina Xeografía e Historia.

Direcciones relacionadas



Compartir: