CULTURA

Cineuropa premia a traxectoria do director Bahman Ghobadi e do compositor Stephen Warbeck

26/10/2006 O festival Cineuropa, organizado pola Concellería de Cultura, chega este ano á súa XX edición coa programación máis ampla e variada da súa historia: máis de cen películas e documentais, entre elas máis de cincuenta estreas. E, para lembrar estas dúas décadas de compromiso co cine independente e de calidade, o departamento municipal ten previsto celebrar unha serie de actos complementarios da exhibición de filmes, entre eles o concerto inaugural do festival, o xoves día 2 de novembro, e a entrega do premio Cineuropa o sábado día 4.

O festival arrincará o día 2 cun concerto inaugural, ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia, a cargo da Real Filharmonía de Galicia, que interpretará cinco pezas compostas por Warbeck e outros compositores. Neste mesmo acto, entregaráselle un dos premios de Cineuropa deste ano ao compositor, gañador dun Oscar pola banda sonora do filme "Shakespeare in love", que tamén foi nominada para os premios Grammy.

O día 4 celebrarase ás 21.00 h no Teatro Principal a gala de Cineuropa na que se entregará o premio Cineuropa 2006 ao director kurdo iraní Bahman Ghobadi, gañador de dúas Conchas de Ouro no Festival de San Sebastián, unha pola película "As tartarugas tamén voan" e outra por "Media Lúa". Neste caso, centrará o acto, ademais da entrega do premio, a proxección dun filme deste autor.

Compartir: