PLENO

Visto bo á redacción definitiva do PXOM

26/10/2006 O Pleno Municipal aprobou en sesión extraordinaria o documento de adecuación ao acordo de aprobación provisional da Revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Deste xeito, resultaron incorporadas todas as alegacións aprobadas no Pleno do 31 de xullo e queda listo o documento para a súa remisión á Xunta de Galicia. A xuízo do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, "quedou listo o listón maior que pode haber no urbanismo en Galicia".

Son 6.000 páxinas, agrupadas en 16 tomos de texto e catro de planos, que foron ratificadas co voto a favor de PSOE e BNG. O PP volveu a votar en contra, tal como fixera na sesión de xullo. Agora será a Administración autonómica a que se pronuncie sobre o documento e solicite canta información complementaria considere oportuna. Dispón de tres meses, período tralo cal podería entrar en vigor o PXOM, que define o proxecto de cidade para os vindeiros 12 anos.

Aclarada por Medio Ambiente a afectación aos plans de ordenación da Lei 9/2006 sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, agárdase que non haxa problemas para que o PXOM compostelán se poida acoller á excepcionalidade da norma. Esta, recollida nunha disposición transitoria, permite exonerar da presentación do informe de impacto ambiental a aqueles Plans que se empezaron a tramitar antes do 21 de xullo de 2004 e que demostraron cumprir coas esixencias medioambientais, como é o caso do de Santiago.

Compartir: