DEPORTE

Modificacións no tráfico con motivo da XXIX Carreira Pedestre Popular

26/10/2006 O Departamento de Tráfico e Seguridade Cidadá do Concello de Santiago de Compostela informa aos condutores de vehículos e ao público en xeral que, por mor da celebración da XXIX Carreira Pedestre Popular organizada por "El Correo Gallego" o domingo 29 de outubro, produciranse modificacións temporais no tráfico na cidade durante o transcurso deste certame deportivo.

A saída está prevista ás 10:30 horas da Avenida Xoan XXIII e a competición rematará na Praza do Obradoiro.

Polo tanto, prégase aos cidadáns que se absteñan na medida do posible de utilizar os seus vehículos na mañá do domingo, especialmente entre as 9:30 e as 14:00 horas, co obxecto de facilitar o desenvolvemento desta proba deportiva.

Como norma xeral, en todas as rúas do itinerario da Carreira Pedestre (que se detallan de seguido) produciranse restricións no tráfico, que se levantarán unha vez que pasen os últimos participantes.

ITINERARIO DA CARREIRA PEDESTRE (ADULTOS):

Xoan XXIII, Praza da paz, San Caetano, Camiño Francés, Rúa das Fontiñas, Concheiros, Rúa de San Pedro, Porta do Camiño, Virxe da Cerca, Fonte de Santo Antonio, Praza de Galicia, Hórreo, Ponte Castro, Rúa da Rosa, Santiago de Chile, Praza de Vigo, Rosalía de Castro, Avenida da Coruña, Avenida das Ciencias, Avenida do Doutor Novoa Santos, Avenida das Burgas, Avenida de Compostela, Cruceiro do Galo, Pombal, Galeras, Salvadas, Vista Alegre, Avenida de Castelao, Praza da Paz, Pastoriza, Basquiños, San Roque, Algalia de Arriba, Praza de Cervantes, Preguntoiro, Rúa do Castro, Praza da Universidade, Praza de Mazarelos, Rúa do Cardenal Payá, Orfas, Toural, Rúa do Vilar, Praza das Praterías, Fonseca, Praza do Obradoiro.

Consellos para o tráfico de vehículos

Manterase aberto un circuíto de circulación para facilitar a fluidez do tráfico, con valos de seguridade que permitan a circulación dos vehículos do seguinte xeito:

- Queda prohibido o estacionamento de vehículos na Avenida de Xoan XXIII dende as 22:00 horas do sábado, 28 de outubro, ata as 14:00 horas do domingo 29 de outubro, e nas rúa Basquiños, no tramo comprendido entre a confluencia desta rúa coas rúas Espírito Santo e Travesa dos Basquiños.

- Os vehículos que accedan á cidade polo norte poderán circular en sentido descendente pola Avenida de Castelao, enlazando con Salvadas e Galeras e saíndo por Poza de Bar, San Lourenzo e Avenida Mestra Victoria Míguez (Vidán, estrada C-543 a Noia).

- Os vehículos que accedan á cidade a través da estrada de Santa Comba circularán obrigatoriamente a través de Salvadas e Galeras no mesmo sentido de dirección que os anteriores.

- Os vehículos que desexen entrar ou saír da zona das rúas Hórreo, Gómez Ulla ou área de influencia destas, poderán circular polas rúas Bernardo Barreiro, Sar e Ramón Piñeiro, enlazando coa Avenida de Lugo.

- O tráfico procedente das estradas de Noia (C-543), Ourense (N-525) e Pontevedra (N-550) en sentido de dirección ao norte da cidade deberá utilizar obrigatoriamente a autoestrada A-9 ou o periférico.

- Deberá utilizar tamén a autoestrada A-9 ou o periférico o tráfico procedente das estradas da Coruña (N-550) e Lugo (N-634 e C-547) que se dirixa ao sur da cidade.

O Departamento de Tráfico do Concello prega aos cidadáns que desculpen as molestias causadas pola celebración deste acontecemento deportivo e acaten as indicacións dos axentes da Policía Local.

Compartir: