EIXO ATLÁNTICO

O Eixo Atlántico e o Consello da Xuventude de Galicia colaboran na promoción de actividades para os mozos e mozas de Galicia e norte de Portugal

26/10/2006 O alcalde compostelán e presidente do Eixo Atlántico, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a presidenta do Consello da Xuventude de Galicia (CXG), María Dolores Rodríguez Amoroso, asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal ámbalas entidades colaborarán na posta en marcha de diversas actividades para a xuventude dos concellos integrantes do Eixo.

Este acordo pretende "a incorporación da mocidade á construción da Eurorrexión", segundo apuntou Sánchez Bugallo. De feito, integra de pleno dereito ao Consello da Xuventude a esta entidade, co obxectivo tamén de dar participación aos mozos portugueses, que non dispoñen dun órgano semellante ao galego no seu país".

O convenio asinado na Casa do Concello ten por obxecto o establecemento dun marco de colaboración entre o Consello da Xuventude de Galicia e o Eixo Atlántico do Noroeste peninsular para promover iniciativas para mozos e mozas e contempla a creación dun Foro da Xuventude do Eixo Atlántico. O CXG comprométese á facilitar ao Eixo as súas funcións de asesoramento e consultivas en materia de xuventude, mentres que a entidade galego-portuguesa dará entrada ao Consello como observador nas súas estruturas orgánicas (Asemblea Xeral e Comisións Delegadas e Técnicas), e manterao informado sobre todas as cuestións relacionadas co desenvolvemento do presente convenio, que non compromete ningún tipo de apoio económico entre as partes.

O documento subscrito xorde como unha fórmula de cooperación para o desenvolvemento de actuacións en común no eido da xuventude, e grazas á vontade de ambas partes, que entenden a importancia de levar a cabo unha actuación coordenada e global neste campo para poder xerar un efecto multiplicador.

A sinatura deste convenio enmárcase dentro dunha das actividades básicas do Eixo: a potenciación das políticas de xuventude, que xogan un papel prioritario na tarefa principal do Eixo que consiste en promover a cohesión económica, social e cultural da Eurorrexión mediante a vertebración dun territorio común.

O Consello da Xuventude de Galicia é unha entidade institucional e representativa das organizacións xuvenís galegas. Os seus fins son a promoción da participación dos mozos e mozas de Galicia na vida política, socio-económica e cultural do país, a representación e defensa dos dereitos e intereses da mocidade diante das administracións públicas e da sociedade en xeral, a extensión da política de desenvolvemento comunitario e de animación socio-cultural no ámbito da xuventude, a promoción do desenvolvemento do asociacionismo xuvenil, e a procura de canles de información e colaboración entre as distintas organizacións xuvenís galegas respecto dos mozos e organizacións de todo o mundo.

Compartir: